- Tematica
Este mércores, 30 de setembro, realizouse unha xuntanza no salón de plenos da Casa do Concello, para avanzar na elaboración do regulamento de terrazas e elementos comerciais. Neste encontro participaron membros do Goberno municipal, representantes da Asociación de hostalería de Santiago de Compostela e comarca, representantes da hostalería de Bertamiráns e do Milladoiro, así como membros da Xuntanza de Empresarios de Ames. Tras un período para presentar achegas ao borrador do regulamento de terrazas e elementos comerciais, presentáronse 70 solicitudes de cambio, das cales o 60% foron aceptadas. Nesta xuntanza foron abordándose todas as solicitudes de cambio que se achegaron e explicando o motivo da súa aceptación ou denegación. Tanto os membros do Goberno municipal como os representantes do sector hostaleiro saíron satisfeitos da reunión.
O Concello de Ames avanza na elaboración do regulamento da ocupación de dominio público e espazos privados de uso público por terrazas e elementos vinculados á actividade comercial e hostaleira con fins non festivos. É a primeira vez que se acomete a elaboración dun regulamento para terrazas xa que, ata o momento, só existía a ordenanza fiscal. A elaboración deste regulamento vai parello á modificación da ordenanza fiscal que foi derogada este ano polo Goberno municipal como medida de alivio económico ante a situación económica provocada pola Covid-19.
O borrador do novo regulamento foi remitido no pasado mes de xuño aos grupos municipais da oposición, ás asociacións de empresarios e comerciantes de Ames, á Asociación de hostalaría de Santiago de Compostela e comarca e aos diferentes locais de hostalaría de Ames, que dispoñen de terraza e fixeron a solicitude para a súa posta en valor. Unha vez remitido o borrador presentáronse un total de 70 solicitudes de cambio por parte do grupo municipal popular e por parte do sector hostaleiro, en aras de acadar unha normativa beneficiosa tanto para o sector como para a veciñanza amesá.
As achegas presentadas ao primeiro borrador do regulamento de terrazas e elementos comerciais foron estudadas por parte dos técnicos municipais e dos membros do Goberno municipal, A partir de aí elaborouse un segundo borrador onde se incluíron moitas das solicitudes presentadas. Nesta xuntanza foron abordándose todas as solicitudes de cambio que se achegaron e explicando o motivo da súa aceptación ou denegación. Tanto os membro do Goberno municipal como os representantes do sector hostaleiro saíron satisfeitos da reunión.
A partir de agora os representantes do sector hostaleiro van a estudar o novo documento e terán a oportunidade de presentar novas achegas durante o período de exposición pública que se vai abrir antes de que sexa levado a pleno para aprobalo se procede. A idea do Goberno municipal é debater este asunto no pleno ordinario de novembro. Tamén terá que ser debatida a modificación da ordenanza fiscal que regula o pago de taxas por ocupación de terreos de uso público con mesas, cadeiras, tribunas, taboados e outros elementos análogos, con finalidade lucrativa.
Posteriormente, se fose aprobado en pleno, haberá que expoñer o documento durante 30 días, polo que os representantes do sector hostaleiro disporán de dous períodos para poder achegar alegacións sobre o documento e ir avanzando na súa elaboración de cara a pechalo co máximo consenso posible.
Principais obxectivos do novo regulamento
O obxectivo principal do novo regulamento céntrase en ordenar e sistematizar o réxime xurídico dos aproveitamentos especiais con terrazas vinculadas a establecementos de hostalaría e restauración e situacións asimiladas, así como o das autorizacións que para estes mesmos fins –e cando as condicións de beirarrúas, prazas e elementos análogos na vía pública non permiten compatibilizar os usos– se permiten instalar na calzada das vías públicas urbanas.
Outros obxectivos son a mellora da calidade urbana, a actualización das licenzas e autorizacións e dar cumprimento á nova normativa en accesibilidade para unha ordenada convivencia entre estes espazos e a boa circulación dos viandantes polo espazo público.
O alcalde de Ames, José Miñones, destaca que este novo regulamento “permitirá ordenar o crecemento comercial destes últimos anos á vez que harmonizar a imaxe xeral das terrazas que se atopan no noso concello. Desde o goberno quixemos tamén mellorar a ocupación do espazo público con novos espazos e formatos. A idea do Goberno municipal é elaborar este primeiro regulamento co máximo consenso posible por parte dos representantes do sector hostaleiro, pero tamén tendo en conta os intereses da veciñanza de Ames”.
Novidades que inclúe o novo regulamento
Entre as novidades que inclúe o novo regulamento destacan a regulación da ocupación de postos na rúa como floristarías ou froitarías; a instalación en prazas de aparcamento regulando o uso e características do mobiliario; o peche de terrazas en función do sistema e dimensións; a adecuación ao cumprimento de accesibilidade coa separación de 1,5 metros das fachadas; a regulación dos horarios por acordo plenario; a inclusión do sistema de sancións, así como os procedementos e formularios para as solicitudes; ou a regulación da ocupación e uso da rúa na fronte e lindeiro. Asemade, incorpórase toda a normativa necesaria, unifícanse os elementos das terrazas (taboleiros e materiais) e faise referencia á ordenanza nas posibilidades de solicitudes en verán e inverno.
Nova regulación
Esta nova norma regula o ámbito de aplicación, así como as excepcións a este ámbito. En concreto, exceptúanse deste regulamento as instalacións de festexos populares, festas patronais, recintos de feiras e similares, que se rexerán pola súa normativa específica. Igualmente, regúlanse as obrigas dos titulares das licenzas; o horario de apertura e peche das instalacións reguladas, así como as condicións xerais de situación, ocupación e composición das mesmas; e disponse a regulación relativa aos distintos elementos que poden conformar a instalación autorizada, as súas características, e establécese a posibilidade de que o Concello delimite, regule e homologue o tipo de materiais e elementos a instalar, cores, deseño, publicidade, etc., mediante o procedemento que garanta a suficiente publicidade e con audiencia dos afectados.
O novo regulamento establece disposicións especiais para as instalacións en áreas peonís, prazas e espazos libres de titularidade ou uso público; naquelas instalacións que se sitúen en espazos privados de uso público nos que, aínda que a titularidade sexa privada, son xuridicamente de uso público e polo tanto están incorporados, mesmo sen solución de continuidade, ás rúas e espazos públicos; e disponse a regulación específica das instalacións que consistan en peches estables, polas circunstancias específicas que concorren nestes casos.
O documento regula, igualmente, o procedemento común de outorgamento de licenzas, cuxo obxectivo concrétase en axustar a actividade administrativa ao principio de eficacia, así como en facilitar os trámites a seguir polos interesados. Nesta liña, recóllese nun só artigo a documentación que debe aportarse polo interesado xunto coa solicitude, así como os requisitos que debe cumprir a mesma, salvo para aquelas solicitudes de instalacións con cubertas estables, carpas e instalacións análogas. Asemade, regúlanse os instrumentos adecuados para facer efectiva esta regulación, coa previsión de procedementos áxiles para impoñer o cumprimento das normas e o restablecemento da legalidade.