Pestanas principais

O Concello de Ames dá a coñecer o programa “CompostAmes” co reparto de 200 quilos de compost

Luns, 05 de outubro de 2020

O Concello, co obxectivo de dar a coñecer o programa “CompostAmes” e mailo uso deste abono natural, reparte entre a veciñanza amesá o compost xerado polos restos dos comedores escolares. Este sábado pasado, 3 de outubro, realizouse o primeiro reparto entregando ata 200 quilos de compostaxe en bolsas de quilo e medio cada unha. Á carpa instalada no mercado de rúa de Bertamiráns, achegáronse veciños e veciñas interesadas no proceso de reciclaxe. As Concellarías de Transición Ecolóxica e Educación organizarán este mesmo reparto o sábado, 17 de outubro, de 16.00 a 19.00 horas, na praza de Manuel Murguía, no Milladoiro. Ademais, poderase recoller o compost no viveiro municipal de Barouta todos os sábados do mes de outubro, de 16:00 a 19:00 horas.

“CompostAmes” é un proxecto no que están implicadas as Concellarías de Transición Ecolóxica e Educación, así como persoal técnico dos departamentos municipais de Medio Ambiente e Educación. Está financiado a través dunha liña de financiamento do Plan de Impulso ao Medio Ambiente (PIMA), outorgadas polo Ministerio de Medio Ambiente para a Transición Ecolóxica. O obxectivo desta iniciativa é reducir e reutilizar os restos de residuos orgánicos xerados polos comedores e cociñas da Rede municipal de comedores escolares. O Concello de Ames a través de diversas accións busca o cumprimento dos Obxectivos Globais de Desenvolvemento Sostible formulados por Nacións Unidas no ano 2015.

A compostaxe é un sistema natural de transformación da materia orgánica que simplemente reproduce de maneira controlada o proceso natural de descomposición. Co proceso de compostaxe e o uso do compost conséguese reducir a cantidade de materia orgánica que vai as plantas de tratamento de residuos e, en consecuencia, a emisión de gases de efecto invernadoiro no seu traslado. Tamén se reduce o uso de fertilizantes inorgánicos aos que substitúe, aportando de xeito natural os nutrientes que precisan as plantas e afórrase agua para o rego debido á alta capacidade de retención de líquidos do compost.

Para desenvolver o programa “CompostAmes” colocáronse 6 composteiros de 800 litros no viveiro municipal de Barouta, que funcionan a unha temperatura de entre 40 e 65 graos. Tras un ano de traballo, obtivéronse 400 litros de compost de moi alta calidade debido ás boas labores de separación que realizaron os nenos e nenas, así como o persoal de cociña dos comedores escolares de Ames.

Reparto entre a veciñanza
O primeiro reparto organizouse este sábado, 3 de outubro,  nunha carpa instalada no mercado de rúa de Bertamiráns. Os veciños e veciñas achegáronse ata ela entre as 16.00 e as 19.00 horas para recoller bolsas de quilo e medio de compostaxe. De xeito, entregáronse ata 200 quilos a unha veciñanza que mostrou interese por este proceso de reciclaxe. Debido á boa acollida que “CompostAmes” está tendo, o Concello organizou outros punto de encontro para realizar o reparto.

Deste xeito, o vindeiro sábado, 17 de outubro, tamén en horario de 16.00 a 19.00 horas, farase un novo reparto na praza de Manuel Murguía, no Milladoiro. Ademais, o compost repartirase no viveiro municipal de Barouta todos os sábados do mes de outubro, de 16:00 a 19:00 horas.

As persoas que estean interesadas en recibir unha bolsa de compost e non poidan acudir a ningún dos citados encontros, poderán pórse en contacto coa Aula da Natureza chamando ao número de teléfono 660 004 665 ou enviando un correo electrónico ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Entregados 200 quilos de compostaxe entre os veciños de Ames"

Revista Amesgo: "O Concello potencia o uso de compost"

Reparto de compostaxe.

Multimedia

  • Reparto de compostaxe.
  • Reparto de compostaxe.
  • Reparto de compostaxe.