Pestanas principais

O Concello celebra o Día da Hostalería preparando o reparto de mandís entre os profesionais do sector

Martes, 13 de outubro de 2020

600 mandís serán repartidos estes días entre os profesionais do sector hostaleiro de Ames. A iniciativa pretende concienciar á cidadanía da necesidade de consumir gardando sempre as medidas hixiénico sanitarias que dita a loita contra a pandemia da COVID19. Ademais dos mandís, todos os establecementos hostaleiros do concello recibirán un póster pegatina para colocar no seu escaparate onde se lembra a mesma norma de retirar o tapa bocas só para consumir. Ámbolos dous reclamos teñen como lema: “Axúdanos a seguir”

Os mandís e as pegatinas recollen unha sucesión de viñetas nas que unha persoa aparece coa máscara posta, quítaa para consumir e inmediatamente despois volve poñela. “É a actitude que todos e todas debemos adoptar cando nos serven unha consumición en calquera establecemento hostaleiro. Que as camareiras e camareiros luzan este mandil, non deixa de ser unha lembranza da postura que debemos manter sempre que tomemos algo nun bar ou nunha cafetería”, manifesta a concelleira de Comercio, Ana Paz.

A concellaría de comercio prepara o reparto deste material coincidindo co día da hostalería. A iniciativa encádrase na campaña “Témolo todo” que desde o mes de maio desenvolve o concello de Ames para apoiar á industria e ao comercio local. Ademais forma parte do Plan Reactiva Ames a través do que o concello impulsa os distintos sectores económicos tralo período de confinamento no que moitos establecementos víronse obrigados a pechar ou a pospoñer a súa actividade.

A COVID19 sacudiu con forza á hostalería polo que o sector afronta na actualidade retos que o obrigan a ser máis proactivo e a desenvolver iniciativas que contribúan a xerar a seguridade que precisa para saír adiante. Nesta liña de apoio inclúese esta nova iniciativa do concello: “pretendemos que serva tamén como recoñecemento a todos os nosos hostaleiros e ao traballo que desenvolven cada día para nós”, engade a concelleira Ana Paz.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Mandís amesáns polo Día da Hostalería e ‘slow food’"

Axúdanos a seguir.

Multimedia

  • Mandilón Axúdanos a seguir.