Pestanas principais

Adíase a obra de teatro para adultos “Vida de cans” pero mantense a dirixida a o público infantil nesta fin de semana

Venres, 16 de outubro de 2020

A programación teatral do segundo semestre de 2020 muda de día a obra “Vida de Cans” por mor das restricións para loitar contra a COVID19 que entraron en vigor onte. A nova data anunciarase a través da web do Concello e das súas redes sociais. Non obstante, a obra de teatro infantil, Lambetadas, representarase como estaba previsto, o venres 16 de outubro. O primeiro pase será ás 17.00 horas e, as 18.30, o segundo.

Na tarde do venres 16, a rapazada de Ames poderá acudir ao teatro a pesar das novas restricións  ditadas pola xunta de Galicia. A actualización de medidas adoptadas para loitar contra a pandemia da COVID19, entraron en vigor onte, 15 de outubro, ás 00:00. Non obstante, a peza para adultos “Vida de cans” adiarase no calendario.

A fin de semana estrearase coa obra infantil Lambetadas, da compañía Talía Teatro, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Esta peza representarse en dúas sesións, a primeira ás 17.00 horas e a seguinte, ás 18.30 horas.

Lambetadas, cunha duración de 45 minutos, está dirixida a crianzas de 6 a 11 anos coa intención de inculcarlles a cultura galega.

A obra ten como obxectivo a concienciación da lingua propia como elemento fundamental da identidade individual e colectiva na sociedade galega actual. Mediante o xogo escénico e o humor, os dous protagonistas han pasar por diversas situacións cómicas que os levarán, sempre desde unha linguaxe naif e inocente, a encarnar múltiples personaxes con diferentes oficios e disciplinas. Pero han acabar descubrindo que a identidade está na propia lingua, porque con ela se poden saborear as lambetadas máis doces e variadas.

“Vida de cans”, tamén da compañía Talía Teatro, estaba prevista que se representara ás 21.00 horas na Casa da Cultura do Milladoiro. Trátase dunha comedia absurda, paródica e metafórica que ten unha duración de 75 minutos.

Nomo, Nelo e Lupo son tres cans que están recluídos nun recinto que lles preparou o seu amo. Moi grande, moi cómodo, moi ameno, moi limpo... pero recinto. Fóra del está a liberdade. Cos seus desacougos, as súas incertezas, os seus problemas, os seus perigos... pero liberdade. Cada un dos tres afronta o conflito segundo a súa personalidade derivando cara unha traxicomedia.

O Concello pide desculpas debido á modificación de datas e informa de que se avisará a través desta páxina e das súas canles de redes sociais, o novo día no que sexa posible representar a obra. 

Lambetadas.

Multimedia

  • Cartaz Lambetadas.