Pestanas principais

O alcalde de Ames participa nunha xuntanza de coordinación institucional do Goberno de España coa FEMP e as Entidades Locais para o seguimento da crise sanitaria da Covid-19

Mércores, 28 de outubro de 2020

O alcalde de Ames, Jose Miñones, participou este martes, 27 de outubro, nunha xuntanza convocada pola FEMP por videoconferencia na que se abordaron diferentes aspectos da prevención da pandemia da Covid-19. Nesta xuntanza participaron alcaldes e alcaldesas de toda España, o presidente da FEMP, Abel Caballero, e os ministros de Sanidade, Salvador Illa, e de Política Territorial e Función Pública, Carolina Darias. En dito encontro abordouse a coordinación institucional do Goberno de España coa FEMP e as Entidades Locais para o seguimento da crise sanitaria da Covid-19.

Este martes, 27 de outubro, realizouse unha nova reunión informativa por videoconferencia, que estivo coordinada pola FEMP xunto ao Ministerio de Política Territorial e Función Pública e el Ministerio de Sanidade co obxectivo de colaborar conxuntamente en materia de prevención da pandemia da Covid-19 e promover así a participación activa das Entidades Locais.

O presidente da FEMP, Abel Caballero, e os ministros de Sanidade, Salvador Illa, e de Política Territorial e Función Pública, Carolina Darias, mantiveron a segunda reunión no prazo dun mes con alcaldes e alcaldesas das principais cidades e da Xunta de Goberno da Federación, encontro que se produce tralo recentemente decretado o Estado de Alarma, co obxectivo de poñer en común criterios na prevención no ámbito local nesta segunda onda da pandemia.

Os ministros trasladaron a gran preocupación ante o incremento diario de contaxios, preocupación e gravidade na que coincidiron Abel Caballero e os alcaldes e alcaldesas participantes. Ante a situación actual, o ministro de Sanidade destacou o papel clave e fundamental das Entidades Locais subliñando a importancia de actuar de xeito coordinado e desde a unidade plena, con mensaxes unívocos e claros.

O presidente da FEMP, nese contexto, reclamou información directa e fluída para poder actuar rápido sen ter que esperar a que as Comunidades Autónomas faciliten os datos de incidencia nos municipios. O ministro de Sanidade, a ese respecto, lembrou que xa se acordou que as Comunidades Autónomas deben trasladar información e manter contacto fluído cos municipios do seu ámbito territorial e coas Federacións de Municipios de cada Comunidade.

Con motivo da proximidade da ponte do 1 de novembro, tanto os ministros como o presidente da FEMP fixeron unha referencia específica e conxunta, compartida polos alcaldes e alcaldesas participantes, sobre que hai que trasladar a necesidade da redución da mobilidade e a limitación dos contactos sociais.

O alcalde de Ames, Jose Miñones, destaca que “coñecer de primeira man as liñas de actuación do Goberno, así como os detalles das xuntanzas cos presidentes e presidentas autonómicos, ao mesmo tempo que posibilita aos rexedores municipais dar a nosa opinión, é todo un avance e unha satisfacción para quen estamos ao fronte dos municipios. Neste sentido insistiuse na transparencia na información de casos e na necesidade de financiamento para todo aquelo que estamos asumindo”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "A FEMP xunto co Goberno de España colabora coas Entidades Locais para o seguimento do covid-19"

Reunión FEMP.

Multimedia

  • Renunión FEMP.
  • Renunión FEMP.