Pestanas principais

O programa Apego levará ás casas música, xogos, arrolos e contos a través da sesión virtual de Contos do chupete

Luns, 02 de novembro de 2020

Bea Campos, da compañía Migallas Teatro, conducirá, o venres 6 de novembro, a sesión virtual de contos do chupete, dirixida a familias con nenos e nenas de ata 3 anos. Esta sesión combinará xogos, música, arrolos, contos e moita ilusión para seguir achegando recursos educativos e de lecer que faciliten a crianza e a transmisión da lingua. O prazo de inscrición está aberto até o xoves 5 de novembro e as familias interesadas en participar deberán  enviar un email a normalizacion@concellodeames.gal.

O programa Apego do Concello de Ames vai continuar realizando parte das súas actividades durante este outono, aínda que dun xeito diferente. Sempre que a actividade o permita, pasarase a formato virtual para que as familias poidan seguir participando nas actividades desde as casas e gozando de recursos que enriquezan a crianza e faciliten a transmisión da lingua.

A sesión de “Contos de Chupete”, dirixida por Bea Campos da Compañía Migallas Teatro,  estaba prevista para este venres, 6 de novembro no Pazo da Peregrina. As novas medidas establecidas pola Xunta de Galicia e o Concello de Ames para frear a expansión da Covid-19 desaconsellan a súa realización presencial, e por este motivo, a actividade realizarase virtualmente. Para poder participar as familias terán que inscribirse, aínda que non haberá limite de prazas.  Desde o Servizo de Normalización Lingüística enviaráselles unha ligazón que lles permitirá acceder á sesión a través de calquera dispositivo con pantalla e conexión á rede.

Os “Contos de Chupete” son unha proposta educativa e de lecer, dirixida a familias con crianzas  de 0 a 3 anos que combina contos sinxelos teatralizados, xogos de dedos, rimas, música... e tradición oral, coa que as crianzas e as familias participantes poderán chuchar contos, cancións e arrolos que contribuirán a unha crianza alegre e positiva e a vivir coa maior normalidade posible este outono tan diferente.

Inscrición ata o xoves, 5 de novembro
O prazo de inscrición está aberto ata o xoves 5 de novembro. As persoas interesadas deben enviar un email ao enderezo de correo normalizacion@concellodeames.gal no que aparezan os nomes e apelidos dos participantes, a idade das crianzas e un número de teléfono de contacto.

Dende o departamento de Normalización Lingüística confirmarase a inscrición e, o venres 6 de novembro pola mañá, as persoas inscritas recibirán a ligazón e as instrucións para poder acceder á sesión virtual. Só será preciso un dispositivo con pantalla e conexión a Internet.

O programa Apego
O programa Apego vai dirixido a todas as familias de Ames que estean a esperar un bebé ou que xa o teñan con idade inferior a 6 anos.

É un proxecto cooperativo de varios concellos para promover e apoiar o uso do galego na socialización da primeira infancia que apoia as familias con actividades, formación e recursos para facilitar e mellorar a crianza.
As familias interesadas poden sumarse ao programa poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Ames enviando o formulario cuberto a través da páxina apego.gal, escribindo a normalizacion@concellodeames.gal ou chamando ao teléfono 662 377 215.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "“Contos de Chupete” animará de xeito virtual aos amesáns máis pequenos"

El Correo Gallego: "Apego levará a Ames música e contos para os cativos de forma virtual"

 

Contos de chupete.

Multimedia

  • Contos de chupete.