- Tematica
Baixo o título de “Dixicontos, a Biblioteca Municipal inicia hoxe unha serie de sesións de conta contos na rede que emitirá até finais de ano todos os mércores, ás 17:00 horas. Os usuarios e usuarias poderán acceder a esta actividade a través da páxina de facebook da biblioteca. O programa responde á necesidade de trasladar ao entorno dixital as habituais sesións de conta contos que estaban programadas para o último trimestre do ano e que, por mor das restricións que dita a normativa de loita contra da COVID19, non se poden realizar nas propias sedes da biblioteca.
As animadoras á lectura da Biblioteca Municipal de Ames, Bibiana Fernández e Divina Calvo, asomaranse cada mércores a fiestra do facebook das bibliotecas para seguir animando á rapazada amesá a ler, escoitar e desfrutar das historias que contan os libros. Farano a través da rede, ampliando ademais deste xeito as posibilidades de aforo ilimitado que supón esta vía de comunicación.
Clásicos contemporáneos como “A cebra Camila” de Marisa Núñez, contos tradicionais de outras culturas como “A máscara do León” de Margarita do Mazo formarán parte do repertorio de “Dixicontos” co que as animadoras á lectura da biblioteca amesá se presentarán on line ante os pequenas e pequenas lectoras.
Non é a primeira vez que a Biblioteca Municipal leva a súa actividade de contacontos á rede. Desde o mes de abril e até mediados de xuño de 2020, durante o período de confinamento, as actividades de animación á lectura víronse absolutamente limitadas. Nesa ocasión, as animadoras á lectura das bibliotecas realizaron 3 contacontos virtuais á semana que se retransmitiron os luns, mércores e venres, tamén a través do facebook do departamento. Os 30 vídeos realizados nesta época seguen accesibles para todas aquelas persoas que os queiran ver na páxina de facebook da biblioteca.
“Diante da adversidade non queda outra que reinventarse e iso xa o demostraron os técnicos e técnicas da biblioteca municipal de Ames durante o confinamento, inzando de actividade ás redes; agora, debido a que as normas de loita contra a pandemia dificultan a realización das sesións presenciais de contacontos, as animadoras da biblioteca poñen en marcha os “Dixicontos” para, deste xeito, seguir motivando á rapazada a ler e escoitar historias”, manifesta a concelleira de Cultura e responsable do servizo de Biblioteca, Natividade González.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Volven os contacontos na rede para os nenos e nenas de Ames"