Pestanas principais

“O berce das verbas”, nova sesión virtual de contos e cantos do programa Apego

Venres, 20 de novembro de 2020

Caxoto contacontos ofrecerá unha sesión virtual  de contos e música o venres 27 de novembro, a partir das 18.00 horas. Os nenos e as nenas de até catro anos e as súas familias poderán participar no “Berce das verbas” e descubrir recursos para utilizar neses momentos máxicos previos ao sono e aos soños. O prazo de inscrición está aberto ata o xoves 26 de novembro e as familias interesadas en participar deberán enviar un correo a normalizacion@concellodeames.gal.

O programa Apego do Concello de Ames continúa realizando as súas actividades durante este mes de novembro, aínda que dun xeito diferente. Debido á actual situación sanitaria, as actividades pasaranse a formato virtual para que as familias poidan seguir participando desde as casas e gozando de recursos que enriquezan a crianza e faciliten a transmisión da lingua con total seguridade.

A próxima sesión será “O berce das verbas”, a cargo de Caxoto Contacontos. Para poder participar as familias terán que inscribirse, aínda que por ser unha actividade virtual non haberá límite de prazas. Dende o Servizo de Normalización Lingüística enviaráselles ás persoas inscritas unha ligazón que lles permitirá acceder á sesión a través de calquera dispositivo con pantalla e conexión á rede.

Este espectáculo, a través da palabra contada, de imaxes suxerentes, de música  e da imaxinación colectiva, creará un espazo no que os nenos e nenas poidan soñar. Será unha sesión na que aparecerán animais, viaxes espaciais, tronos reais, cantos de berce... que encherán os petos das familias de recursos ben útiles e atractivos para unha crianza rica e divertida.

Prazo de inscrición aberto
O prazo de inscrición xa está aberto e rematará o xoves 26 de novembro. As persoas interesadas deben enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal no que figuren os nomes e apelidos das persoas participantes, a idade das crianzas e un número de teléfono de contacto.

Dende o departamento de Normalización Lingüística confirmarase a inscrición e as familias que participen recibirán a ligazón e as instrucións para poder acceder á sesión virtual. Só será preciso un dispositivo con pantalla e conexión a Internet.

O programa Apego
O programa Apego está dirixido a todas as familias de Ames que estean a esperar un bebé ou que xa o teñan con idade inferior a 6 anos.

É un proxecto cooperativo de varios concellos para promover e apoiar o uso do galego na socialización da primeira infancia que apoia as familias con actividades, formación e recursos para facilitar e mellorar a crianza.

As familias interesadas poden sumarse ao programa poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Ames enviando o formulario cuberto a través da páxina apego.gal, escribindo a normalizacion@concellodeames.gal ou chamando ao teléfono 662 377 215.

Cartel de O berce das verbas

Multimedia

  • Cartel de O berce das verbas