- Tematica
A campaña “Ames corta co machismo”, artellada desde o propio departamento de Benestar Social a base vinilos, bandeirolas e máscaras que reflicten mensaxes e frases alusivas a comportamentos machistas, conmemora o Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Ás 18.00, na praza do Concello, lerase o manifesto institucional, crearase un lazo lila, repartiranse camisetas e máscaras e desfrutarase dun concerto de batukada do grupo “Trópico de grelos”.
O Concello de Ames prepárase para conmemorar o 25N que, este ano, coincide co vindeiro mércores. Dende o departamento de Benestar Social e Igualdade e a través da campaña “Ames corta co machismo”, organizouse unha programación para celebrar o Día Internacional contra a Violencia de Xénero, respectando sempre as distancias interpersoais e o uso obrigatorio de máscara.
Ás 18.00 horas levarase a cabo un acto institucional na praza do Concello no que se lerá un manifesto. O evento do 25N rematará cun concerto de batukada. O Bloco Afro é un dos espectáculos máis soados de Trópico de Grelos. Tamén haberá obradoiros de percusión e a realización dun gran lazo lila por parte das persoas asistentes cas camisetas.
Ademais, repartiranse camisetas, máscaras, pulseiras e libretas a todas as persoas que se acheguen á conmemoración. Sete tipos de máscaras poderán levar os amesáns e amesás que queiran unirse á campaña e dez vinilos distintos veremos nos escaparates dos comercios, á vez que o Concello encherase de de bandeirolas coas mesmas mensaxes. Todas estas, esbozadas pola deseñadora gráfica, Mónica Fernández, teñen como obxectivo inzar o Concello de frases alusivas a comportamentos machistas e mensaxes que indican normas axeitadas e boas prácticas de comportamento equitativo “invitando a plantarlle cara”, matiza a concelleira.
“Non calo non”, “Caladiña non estou máis guapa”, “No estou tola, teño criterio”, “Na cociña tamén estás ben ti”, “Fago o que desexo” son as frases reivindicativas impresas nas máscaras.
Nos vinilos e bandeirolas as mensaxes din cousas como: “O teu amigo pásase cunha rapaza estando de festa”, “Colegas pasan fotos íntimas de compañeiras”, “Escoitas comentarios machistas”, O teu compañeiro failles mansplainig ás colegas de traballo”, “A túa empresa non promociona ás mulleres”, “Estás en grupos de WhatsApp no que se comparten vídeos, imaxes ou chistes degradantes para as mulleres”, “Vas a cursos de formación nos que só hai relatores homes” “Escoitas comentarios de índoles sexual sobre compañeiras infravalorándoas polo seu xénero”, “Maltrata a súa parella, ti sabelo ben”, “Critican as túas compañeiras pola súa forma de vestir, comportarse ou relacionarse cos rapaces”. Todas estas mensaxes rematan sempre con “E ti non dis nada” e o lema da campaña “Corta co machismo”.
Formarase un gran lazo contra ás violencias na praza do Concello
As bandeirolas serán colocadas por todo o territorio municipal, as máscaras repartiranse o 25N na praza do Concello no transcurso do acto institucional ao igual que as camisetas lilas. “O obxectivo é formar un gran lazo contra ás violencias na praza do Concello. Os comerciantes disporán dos vinilos para poñer nos seus escaparates visibilizando así a repulsa dos amesáns contra este tipo de comportamentos ”, matiza Luísa Feijóo.
Asemade, a concellaría de Igualdade suxire a todos os comerciantes que conserven materiais da campaña Ames en Negro, desenvolvida nos últimos anos, e que tamén lanzaba mensaxes a base de frases como “Ames en Negro” e “Contra a violencia”, os saquen e os volvan a colocar en lugares visibles dos seus establecementos.
“Este é un ano especial e non podemos esquecer que os problemas coa COVID19 non mitigaron o drama que viven moitas mulleres, senón todo o contrario, incrementouse porque moitas mulleres tiveron que convivir cos seus agresores 24 horas ao día, e viron como minguaban e incluso desaparecían os seus xa escasos recursos e como aumentaba a súa vulnerabilidade. Por iso, nesta ocasión quixemos dar un paso máis e engadimos as accións que xa viñamos desenvolvendo dende o departamento de Igualdade unha campaña propia, na que se puidesen ver reflectidas moitas das condutas que nos impiden avanzar cara esa desexada igualdade real”, explica a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Luísa Feijóo.
A concelleira engade “considero que Ames ten a suficiente entidade como para liderar a súa propia campaña e poñer o seu gran de area nesta loita. É algo o que xa levábamos tempo dándolle voltas e agora creemos que é o momento axeitado. Ademais dado o momento que estamos a vivir, e no que non se pode acceder a moitos servizos, nin podemos ter ese contacto que nos da a presencialidade, pensamos que hai que que reinventarse e pensamos que era importante ofrecer unha alternativa de ocio familiar que puidese convidar á reflexión e incluso , por que non? ao debate no seo da familia sobre estes comportamentos que queremos erradicar”.
Por último, Luísa Feijóo, engade “cómpre destacar a implicación na organización de dita campaña do persoal do CIM de Ames (da psicóloga Mónica Antelo e da educadora familiar Soraya Añón), que participaron activamente no desenvolvemento desta campaña, xunto ca deseñadora gráfica, Mónica Fernández, como creativa e a persoa que plasmou o que queríamos transmitir”. Agradece tamén a boa acollida que novamente tivo esta iniciativa entre os clubs deportivos, o comercio e o tecido asociativo do noso concello.