Pestanas principais

A Aula da Natureza convoca á veciñanza para participar este sábado nunha recollida de lixo polo monte

Xoves, 10 de decembro de 2020

O Concello de Ames súmase ao Proxecto Libera co que se pretende concienciar e frear os efectos de abandonar lixo en espazos naturais. Deste xeito, este sábado 12 de decembro organízase “Basuraleza: 1m pola contorna”, unha batida pola zona de Castrigo, en Bertamiráns, para recoller lixo polo monte deste lugar. O prazo de inscrición está a aberto até o venres 11 de decembro, ás 14.00 horas. Débese enviar un correo electrónico ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal.

A Concellaría de Transición Ecolóxica e do Medio Rural, a través da Aula da Natureza, organiza a iniciativa: “Basuraleza: 1m pola contorna”. Esta actividade está incluída na programación “Un Nadal diferente”. Tras varias iniciativas de recollida de lixo polos ríos de Ames, esta vez súmase ao Proxecto Libera, organizado pola ONG SeoBirdLife e Ecoembes.

Deste xeito, o Concello organiza unha batida de recollida de lixo polos montes e bosques de Bertamiráns, na zona de Castrigo. “Basuraleza: 1m pola contorna” é unha actividade que ten como obxectivo frear as consecuencias do lixo abandonado en zonas naturais e concienciar e mobilizar á veciñanza.

O punto de partida será na praza do Concello ás 10.30 horas. Tras o percorrido pola carballeira, analizarase o lixo recollido nunha parcela de 5x100 metros. Neste recinto, clasificaranse os residuos por natureza (plástico, vidro, cartón...), por procedencia (humana, industrial...) e por tamaño. Unha vez feito o estudo, pasaranse os datos os/as coordinadores/as do Proxecto Libera.

O Concelleiro de Transición Ecolóxica e do Medio Rural, Manuel Lens, destaca “a importancia deste tipo de actividades para concienciar á veciñanza da importancia de non tirar lixo nos nosos monte e coidar os espazos naturais”.

Hai 20 prazas dispoñibles e, para participar, é preciso inscribirse previamente ata este venres 11 de decembro, ás 14.00 horas, enviando un correo ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal.

Novas relacionadas: 

La Voz de Galicia: "Ames organiza una batida para recoger basura en Castrigo"

Proxecto Libera.