- Tematica
O Concello de Ames acaba de recibir unha carta dos Reis Melchor, Gaspar e Baltasar anunciando a súa visita a Ames desde o día 2 ata o 5 de xaneiro. Os tres Reis queren garantir que todos os nenos e nenas do concello poidan visitalos e velos como todos os anos pero cumprindo as medidas de seguridade. Para visitar aos Reis Magos os días 2, 3 e 4 de xaneiro non é preciso reservar praza. Para acudir o día 5 de xaneiro hai que reservar cita previa.
É por iso que informan ao Concello que farán uso da súa maxia para poder cumprir un ano máis, e así para evitar grandes aglomeracións ampliarán a súa estancia no Milladoiro e Bertamiráns.
Para aqueles nenos/as e maiores que queiran ir a velos, o Concello preparará os pavillóns municipais de ambos núcleos cunha decoración especial. Desta vez, tal e como remiten as súas maxestade, non será posible acercarse e tocar aos Reis, pero si velos desde unha distancia prudencial.
Cómpre destacar que para poder visitar aos tres Reis os días 2, 3 e 4 de decembro non será preciso reservar praza de xeito anticipado. É suficiente con acudir aos pavillóns polideportivos do Milladoiro ou Bertamiráns no horario de visita. As familias que acudan entrarán nos pavillóns por orde de chega e sempre gardando a distancia de seguridade entre as unidades de convivencia que acudan.
Reserva de entrada para o 5 de xaneiro
Pola contra para o día 5 de xaneiro si será necesario reservar praza previamente para poder acudir a ver aos Reis Magos. O luns 28 de decembro publicarase na páxina web municipal e nas redes sociais do Concello de Ames a ligazón onde se poderá facer a reserva de cita para o martes 5 de xaneiro.
Os tres Reis permanecerán nos seus tronos dentro das tres haimas que traen desde Oriente. Ademais, os Reis Magos ofrécense a asinar a cada nena e neno no libros dos desexos que lles regalarán a cada un dos que lles visiten para que teñan de recordo e coas fotos do día.
Horarios de recepción Real
Os horarios para ver aos Reis o sábado 2, domingo 3 e luns 4 de xaneiro será de mañá, de 11:30h a 14.00 horas, e de tarde, de 17:00h a 20:30 horas. Para o martes 5 de xaneiro o horario de recepción Real será pola mañá o mesmo, de 11.30h a 14.00 horas, e pola tarde ampliase media hora, polo que será de 16.30h a 21.00 horas.
O Concello solicita a toda a veciñanza a súa colaboración para que se cumpran as medidas de seguridade e se manteñan as distancias, así como os tempos de visita que a organización marcará para que todas as nenas e nenos poidan desfrutar da visita dos Reis.
O alcalde de Ames, Jose Miñones, agradece as súas maxestade que volvan a visitar Ames nun ano tan difícil. Como todos os anos unha representación da Corporación municipal saudará aos Reis Magos o martes 5 de xaneiro pola tarde, para trasladarlles dito agradecemento.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Los Reyes Magos adelantan su llegada a Ames al 2 de enero"
El Correo Gallego: "As Súas Maxestadas visitarán Ames dende o 2 ata o día 5 de xaneiro"