- Tematica
Patrocinado pola Deputación da Coruña e posto en marcha por Xandobela, o certame “Xoga en galego” está dirixido ao público infantil e familiar e pretende enriquecer o patrimonio de xogos en galego con novas creacións que xurdan da imaxinación e da creatividade da rapazada galega. O certame ponse en marcha coa idea de ampliar a oferta de recursos lúdicos en galego e de sumar aos xogos tradicionais do país, herdados dos nosos antergos, alternativas novas e acaídas aos tempos e aos gustos actuais. A Concellaría de Normalización Lingüística anima as familias amesás a participar.
Xandobela organiza o Concurso a través do proxecto "Somos xogo" de divulgación do patrimonio lúdico galego e da creatividade xogantina. O certame está dirixido ao público infantil, xuvenil e familiar.
“Unha das maiores demandas que fan as familias desde hai tempo é a de atopar xogos en galego, por iso esta iniciativa de Xandobela parécenos unha gran idea que pode contribuír a que o sector do xogo ofreza máis variedade de produtos no noso idioma”, manifesta a concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, quen tamén lembra a participación activa dos rapaces e rapazas de Ames noutras iniciativas de dinamización do idioma: “A resposta da mocidade amesá noutras iniciativas como yotubeir@s, Enreguéifate ou Galetiktokers foi moi boa, polo que agardo que nesta ocasión tamén se animen e o nome de Ames poida aparecer nalgúns destes novos xogos”.
Unha actividade creativa para toda a familia
No certame “Xoga en galego” poden participar todas as persoas ou grupos (familias, escolas e asociacións de todo tipo) da provincia da Coruña. Cada persoa ou grupo pode presentar tantos xogos como se lle ocorran.
Os xogos e todos os seus compoñentes deben estar escritos en galego.
A temática será libre, aínda que se valorará que sexan que sexan xogos que coiden e respecten valores culturais e sociais positivos.
Os xogos estarán pensados especialmente para o público familiar, xuvenil e infantil (a partir dos 6 anos). Deben ser ser orixinais e non copias, nin totais nin parciais, nin apropiacións de terceiras persoas. Os xogos que non cumpran ditos requisitos quedarán fóra do concurso.
A solicitude de inscrición no concurso e a documentación requirida enviaranse ao correo electrónico info@xandobela.info. No mesmo e-mail deberá de se indicar unha ligazón de Velaquí, WeTransfer, Dropbox ou un servizo equivalente desde o que se poida descargar o ficheiro ZIP co material do xogo. A dispoñibilidade de descarga nestes repositorios ten que estar garantida como mínimo durante 7 días.
Premios
Establécense como premios 2 bolsas por un valor de 100 € cada una para adquirir os xogos que libremente se escollan entre os dispoñibles nas tendas que se lles indicarán ás persoas gañadoras.