Pestanas principais

O mercado de rúa volve a Bertamiráns o sábado 13 de marzo

Venres, 05 de marzo de 2021

Debido ás condicións de alerta sanitaria provocadas pola pandemia derivada da Covid-19, o pasado 13 de xaneiro o Concello suspendeu a celebración do mercado de venda ambulante que se desenvolve os sábados na localidade de Bertamiráns. A situación sanitaria permite agora que o mercado poida reabrirse. A apertura farase efectiva o sábado 13 de marzo no emprazamento das rúas Ameneiral e Entrerríos e na praza do Concello. Desde a concellaría de Promoción Económica xa se está a informar aos vendedores/as da data de reapertura.

O mercado de venda ambulante de Bertamiráns estivo suspendido durante os dous últimos meses. Un decreto de alcaldía aprobou a suspensión o pasado 13 de xaneiro pola situación epidemiolóxica daquel momento. Agora, e logo de que mudase o nivel de restricións derivadas da COVID19 no concello de Ames, a concellaría de Promoción Económica prepara a volta a rúa do mercado.

“É unha noticia moi boa e por varios motivos -manifesta a concelleira de Promoción Económica Ana Belén Paz- porque por unha banda traduce que o estado epidemiolóxico do Concello de Ames mellora e permite por tanto a reapertura do mercado. Tamén é unha boa noticia para os vendedores/as ambulantes que decotío acoden ao mercado de Bertamiráns porque este é un colectivo que o está pasando verdadeiramente mal con esta situación e poder volver Á actividade é vital para eles. E ademais, non podemos esquecer que o mercado ambulante de Bertamiráns é un motor moi importante para a economía amesá porque atrae a moitos compradores /as non só de Ames senón tamén de toda a bisbarra, e deste fluxo benefíciase tamén o resto do comercio de Ames".

Ademais destes dous últimos meses, o mercado de rúa estivo suspendido tamén durante o tempo que durou o confinamento. Volveu a celebrase durante a segunda quincena de xuño de 2020. Primeiro realizouse na rúa de Sar, que se atopa na zona próxima ao paseo fluvial, e posteriormente, dende o 14 de novembro, volveu ao seu antigo emprazamento nas rúas Ameneiral e Entrerríos, ampliando o perímetro á praza do Concello para, dese xeito, poder cumprir as medidas de distancia e seguridade que dita a normativa derivada da pandemia da COVID19. Este emprazamento decidiuse logo de se consultar cos vendedores/as diversas solucións e de abrir un proceso de votación para que fosen os propios implicados/as quen determinasen o emprazamento que lles parecese máis axeitada. Será tamén nestas rúas e nesta praza onde se volva desenvolver o mercado ambulante.

Desde a concellaría de Promoción Económica están avisando do permiso de apertura a a todos os vendedores/as que decotío operan no mercado de rúa de Bertamiráns.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Volve o mercadillo de Bertamiráns o vindeiro sábado trece de marzo"

La Voz de Galicia: "Bertamiráns recuperará el próximo sábado su mercado ambulante"

Mercado de rúa