Pestanas principais

As bibliotecas de Ames presentan a súa programación para o mes de marzo que xira en torno á celebración do Día da Muller e do Día da Poesía

Luns, 08 de marzo de 2021

As bibliotecas municipais do Concello de Ames organizaron unha serie de actividades para o mes de marzo relacionadas coas dúas grandes celebracións do mes: o Día da Muller e o Día da Poesía. Dita programación recolle varias presentacións. O 10 de marzo realizarase a presentación da obra Irmandiñas, con Aurora Marco, acompañada do grupo musical Barahúnda. O 17 de marzo presentarase a obra Libres e Vivas coa presentación de varias autoras. As dúas presentacións serán no Pazo da Peregrina, ás 20.00 horas. Ademais, o 12 de marzo, ás 20.00 horas, proxectarase na Casa da Cultura do Milladoiro o documental Vértices de Versos sobre a poesía galega contemporánea, mentres que o martes 23 de marzo, tamén no Pazo da Peregrina, realizarase unha sesión de recitais de poesía e faladoiro sobre a poesía actual en Galicia.

As bibliotecas municipais de Ames prepararon unha ampla programación de actividades para este mes de marzo. Unha parte da programación está relacionada coa conmemoración do Día Internacional da Muller que se celebra este 8 de marzo. Deste xeito, ata o 13 de marzo pódese visitar nas bibliotecas de Bertamiráns e do Milladoiro unha exposición temática na que hai recursos sobre igualdade; e vídeos de mulleres profesionais do concello con recomendacións de lecturas. Esta exposición tamén se pode ver a través da páxina de Facebook da Biblioteca municipal. Ademais, este mércores. 10 de marzo, haberá unha nova sesión dos Dixicontos na que se narrará a obra Maruxa, de Eva Mejuto.

Por outra banda, o 10 de marzo, ás 20.00 horas, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, levarase a cabo a presentación da obra Irmandiñas, de Aurora Marco. O libro, publicado pola editorial Laiovento, trata o papel das mulleres nas Irmandades da Fala. A autora realiza un estudo sobre o papel oculto das mulleres na creación deste movemento que contribuíu a recuperar a lingua, a cultura e a identidade galega a comezos do século XX. A autora estará acompañada polo editor, Prudencio Viveiro Mogo, e pola concelleira de Cultura e responsable das Bibliotecas municipais, Natividade González. A entrada é de balde. Haberá un aforo de 30 persoas como máximo.

A presentación irá acompañada pola actuación musical do grupo Barahúnda, con guitarra e voz, formado por Helena de Alfonso e José Lara Gruñeiro, grupo de orixe madrileña afincados en Rianxo, cunha proposta de música de autor con influencias desde a música medieval ao folk. Xa teñen colaborado coa autora noutras presentacións intercalando música entre as palabras da autora.

Ademais, o mércores 17 de marzo, ás 20.00 horas, tamén no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, presentarase a obra Libres e Vivas, da editorial Galaxia. Trátase dunha obra colectiva de dez autoras diferentes das nosas letras que tratan a literatura, narrativa, poesía e teatro, desde diferentes aspectos que leva a enriquecer a súa achega persoal a esta obra. As autoras abordan a cuestión do machismo, do terrorismo patriarcal contra as mulleres, da liberdade e da igualdade, para que, dende a literatura, entendamos como é o seu sentir. A entrada é de balde. Haberá un aforo de 30 persoas como máximo.

Actividades relacionadas co Día da Poesía
O 21 de marzo celébrase o Día da Poesía e, polo tanto, as bibliotecas teñen organizadas unha serie de actividades relacionadas con dita efeméride. O venres, 12 de marzo, ás 20.00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro, proxectarase a obra Vértice de Versos, de Carlos Lorenzo, autor deste documental, coa participación da poeta Emma Pedreira. A peza audiovisual repasa os últimos anos da poesía galega ata a actualidade.

Emma Pedreira é unha das autoras citadas no documental e intervirá no coloquio posterior á proxección, con versos propios e coa súa experiencia vital no mundo da poesía. A entrada é gratuíta ata completar un aforo máximo de 30 persoas. Para participar na proxección de dito documental é necesario reservar entrada na Billeteira electrónica.

Por ultimo, o martes, 23 de marzo, ás 20.00 horas, no Pazo da Peregrina, realizarase unha sesión de recitais de poesía e faladoiro sobre a poesía actual en Galicia coa participación de Diego Horschovsk,  dinamizador cultural e organizador do Poetry Slam Compostela e Filosofía a Pé de Rúa; Anna R. Figueiredo, escritora, divulgadora cultural e vicepresidenta da AELG; e Carlos Da Aira, poeta e organizador de Poemagosto, Festival Internacional de Poesía en Allariz. A entrada é gratuíta ata completar un aforo máximo de 30  persoas.

Programación das bibliotecas para o mes de marzo

Multimedia

  • Programación das bibliotecas para o mes de marzo
  • Cartel sobre a presentación de Irmandiñas, de Aurora Marco
  • Cartel sobre a proxección da obra Vértice de Versos, de Carlos Lorenzo
  • Ata o 13 de marzo pódese visitar nas bibliotecas de Bertamiráns e do Milladoiro unha exposición temática na que hai recursos sobre igualdade