- Tematica
O próximo xoves, 18 de marzo, terá lugar un obradoiro de xogos musicais e debuxo rítmico no Pazo da Peregrina a partir das 18.00 horas. A actividade, dirixida por Mirari Urruzola, de Babaluva Teatro, servirá para estimular o ritmo e a expresión corporal, artística e lingüística das crianzas, de 2 a 6 anos, dun xeito divertido e creativo. Para participar é imprescindible inscribirse previamente a través do enderezo de correo electrónico normalizacion@concellodeames.gal, indicando o nome e apelidos das persoas participantes, a idade das crianzas e un teléfono de contacto.
O departamento de Normalización Lingüística, a través do programa Apego, trae ata o Concello de Ames a actividade dirixida por Mirari Urruzola, de Babaluva Teatro. Trátase dun obradoiro, dirixido a nenos e nenas de 2 a 6 anos de idade, no que se combinarán xogo, música, baile e debuxo para aprendermos a estimular o ritmo e a expresión corporal, artística e lingüística das crianzas dun xeito divertido e creativo.
A sesión terá lugar no Pazo da Peregrina o xoves 18 de marzo, ás 18.00 horas. Se é preciso, habilitarase unha segunda sesión para as 17.00 horas. É unha actividade gratuíta e para anotarse é preciso enviar un correo a normalizacion@concellodeames.gal indicando o nome e apelidos das persoas que solicitan ir, a idade das crianzas e un teléfono de contacto. O prazo de inscrición está aberto ata o vindeiro 17 de marzo.
O programa Apego
O programa Apego está dirixido a todas as familias de Ames que estean a esperar un bebé ou que xa o teñan con idade inferior a 6 anos.
É un proxecto cooperativo de varios concellos para promover e apoiar o uso do galego na socialización da primeira infancia que apoia as familias con actividades, formación e recursos para facilitar e mellorar a crianza.
As familias interesadas poden sumarse ao programa poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Ames enviando o formulario cuberto a través da páxina apego.gal, escribindo a normalizacion@concellodeames.gal ou chamando ao teléfono 662 377 215.