Pestanas principais

O Concello reúnese con representantes dos sectores social e cultural para presentarlles o “Camiño da Ría de Muros – Noia”

Mércores, 17 de marzo de 2021

O Pazo da Peregrina acolleu na tarde de onte unha xuntanza con representantes dos sectores sociais e culturais do Concello na que se deu a coñecer un avance do Plan estratéxico que prepara a “Asociación de Concellos do Camiño da Ría Muros-Noia” para o exercicio 2020-2022. Na reunión, na que participaron creadores/as de Ames e  membros das Asociacións Veciñais das parroquias amesás polas que pasa o camiño, a directora do colexio Agro do Muíño, Carmen Liñares,  deu a coñecer o traballo que está realizando o alumnado de 4º de Primaria sobre a toponimia, o patrimonio e a riqueza medioambiental deste tramo do camiño.

Apoio, boa acollida e intención de participar en todo o que se poida. Estas poderían ser as conclusións da xuntanza na que onte se presentou o Camiño da Ría Muros-Noia a representantes dos sectores social e cultural do concello. Participaron o concelleiro de Turismo, Manuel Lens e a técnica do departamento, Sonia Moure, a concelleira de Cultura, Natividade González, e o delegado da “Asociación de Concellos do Camiño da Ría Muros-Noia”, Sebastián Valverde. Ademais estiveron presentes representantes da veciñanza das tres parroquias polas que pasa este camiño en Ames: Ortoño, Biduído e Bugallido, representante da Confraría da Peregrina, o párroco de Ortoño, José Manuel Dorelle, e algunhas creadoras amesás como a palilleira Ana Rosa Lista e Mónica de Térteres e a xestora cultural e turística, Luísa Ferreiro. Tamén acudiu á xuntanza Laura Lado, en representación da Asociación “Rutas a pie”.  

Os alumnado de 4º de Primaria de Agro do Muíño estuda o camiño ao seu paso por Ames
Acudiron tamén á reunión o secretario do colexio A Maia, Francisco López, e a directora do CEIP  Agro do Muíño Carmen Liñares. Precisamente neste centro educativo, o alumnado de 4º de Primaria está desenvolvendo un traballo sobre a riqueza patrimonial, toponímica e medioambiental deste tramo do Camiño, traballo no que, segundo destacou Carmen Liñares, están moi implicadas as familias dos alumnos e alumnas que “deron conta de canto sabían, foron facer fotos e ofreceron unha información absolutamente valiosa para o traballo”. Liñares anunciou que á volta das vacacións de primavera teñan previsto facer dúas saídas para percorrer o tramo do Camiño que vai de Ames a Compostela.    

O concelleiro de Turismo Manuel Lens amosou a súa satisfacción pola boa resposta que tivo a xuntanza: “É moi de valorar o interese que está a suscitar esta nova ruta xacobea que pasa por Ames entre os sectores que a van coñecendo; desta volta presentámoslla ao sector da cultura e ao tecido social, axentes imprescindibles para o bo desenvolvemento do proxecto, e é toda unha satisfacción as propostas e ideas aportadas”. Lens engade que “gustaríame agradecer o traballo que están a facer no colexio Agro do Muíño, que sirve de base para implicar ás familias no desenvolvemento e difusión da ruta entre a poboación de Ames”.

Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Natividade González, amosou o seu apoio ao proxecto, salientando a presenza do mundo da cultura no desenvolvemento da ruta: “se ben o camiño pode poñer en valor a riqueza cultural do concello, tamén pode ser un acicate para que nazan novos proxectos e actividades culturais ao seu abrigo”.

O camiño en Ames
A ruta xacobea “Camiño da Ría de Muros – Noia” entra en Ames, desde a parroquia brionesa de O Tremor, pola aldea de Carballido, continúa por Cantalarrana e desemboca na ponte da Condomiña. Após de atravesar a estrada xeral que une Bertamiráns con Osebe, a ruta continúa pola estrade vella de Ortoño, pasa por Outeiro, Bugallido e Fraiz e chega a a Moniña, no límite con Compostela. O paso do camiño por este traxecto, lindeiro co núcleo urbano de Bertamiráns, constitúe a última etapa da ruta antes de chegar ao concello de Compostela.

Este camiño xa era ruta xacobea no século XII. Recupérase logo dunha investigación de tres anos a través da que, logo de revisar cartografía e documentación histórica, puido acreditar que os peregrinos e peregrinas que completaban a ruta que pasa polos concellos de Muros, Outes, Noia, Porto do Son, Lousame, Rois, Brión, Ames e Santiago de Compostela, recibirán a “Compostela”.

Os Concellos que integran a Asociación de Concellos do Camiño da Ría Muros-Noia, entre os que se atopa Ames, elaboraron un traballo documental que conta de máis de 300 páxinas sobre esta Ruta Xacobea Histórica. Este traballo foi elaborado polo arquitecto Marcial Rodríguez, o urbanista Javier Harguindey, e mailo arqueólogo e historiador Mario César Vila.

Na actualidade a “Asociación de Concellos do Camiño da Ría Muros-Noia”, traballa na elaboración dun Plan Estratéxico para o período 2021-2022  co obxecto de planificar os pasos que se deben dar tanto no ámbito institucional e administrativo como no social, económico e turístico.

Co obxectivo de seguir avanzando na realización deste plan, o concelleiro de Turismo, Manuel Lens, e a técnica do departamento, Sonia Moure, reuniranse mañá en Porto do Son co resto dos concellos que forman parte da Asociación.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Presentan del plan de los concellos del Camiño de Muros-Noia"

Revista AmesGo: "Ames aposta pola súa nova ruta xacobea"

Camiño da Ría Muros-Noia. Reunióin cos sectores cultural e social

Multimedia

  • Camiño da Ría Muros-Noia. Reunióin cos sectores cultural e social
  • María Liñares, directora do Agro do Muíño
  • Camiño da Ría Muros-Noia. Reunióin cos sectores cultural e social
  • Concelleiro de Turismo e concelleira de Cultura