- Tematica
Josinho da Teixeira e Lupe Blanco imparten once obradoiros de regueifa nos colexios de Ventín e Agro do Muíño e nos institutos do Milladoiro e Bertamiráns durante catro días. Os talleres comezaron o luns 22 de marzo no CEP de Ventín e rematarán o vindeiro mércores 14 de abril no IES do Milladoiro. Con estas sesións, duns 90 minutos de duración cada unha, preténdese transmitirlle á mocidade xeitos de improvisación oral como a regueifa e, ao tempo, revitalizar o uso da lingua galega entre a xente nova. Esta iniciativa encádrase dentro do proxecto Enreguéifate, promovido polos concellos de Ames, Santiago de Compostela, Teo, Rianxo e Pontevedra e pensado para promover o uso da lingua dun xeito lúdico e a través de valores positivos. Pódese ver o vídeo inicial desta iniciativa premendo nesta ligazón.
Os obradoiros Enreguéifate comezaron en Ames o luns 22 de marzo, no CEP de Ventín. Corenta alumnos de 6º de primaria participaron nas dúas primeiras sesións, impartidas pola pandereteira e regueifeira de Bergantiños Lupe Blanco.
O 23 de marzo tocoule a quenda ao alumnado do CEIP Agro do Muíño. Os nenos e nenas de 5º de primaria espertaron esa mañá, ás 9.00 horas, con música e rimas.
Enreguéifate en Abril
O venres 9 de abril continuarase cos obradoiros nos institutos. No de Bertamiráns levaranse a cabo tres sesións dirixidas ao estudantado de primeiro da ESO. O mércores 14 de abril será a quenda do Milladoiro, cos rapaces e rapazas de 2º da ESO.
Nos obradoiros, ademais de achegarlle ao alumnado ferramentas e técnicas que faciliten a improvisación, trataranse valores como o da igualdade de xénero, o respecto pola diversidade ou a axuda mutua.
A metodoloxía empregada parte dos coñecementos previos do alumnado para propiciar unha aprendizaxe signicativa, que vincule a súa realidade cos contidos que se pretenden introducir. O diálogo entre as persoas que guían o obradoiro e as que participan nel é constante, e procúrase unha interacción continua e o emprego de técnicas de traballo en grupo e de colaboración mutua. Esta actividade parte da liberdade discursiva e do diálogo, e nela dánselle azos ao alumnado para que sexa quen de se expresar en público, creando un ambiente de confianza e horizontalidade.
Enreguéifate
Estes obradoiros de improvisación son o punto de partida do Certame Enreguéifate, unha iniciativa que se presentará en breve e que está promovida polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Pontevedra, Rianxo, Santiago de Compostela e Teo co obxectivo central de revitalizar o uso da lingua.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "La «regueifa» se cuela en las aulas de Ames"
El Correo Gallego: "Imparten en las aulas el arte de la regueifa para evitar que desaparezca"