- Tematica
A Casa do Concello de Ames iluminarase de azul esta noite para conmemorar o Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo, que se celebra o 2 de abril. Con este xesto, o Concello mostra o seu apoio ao colectivo de persoas con trastorno do espectro autista que este ano se reivindican a través da campaña: “Podo aprender, podo traballar”.
No ano 2007, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas declarou o 2 de abril como o Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo, co obxectivo de poñer o aceno na necesidade de traballar en prol da mellora da calidade de vida das persoas con autismo como parte integrante da sociedade. Para conmemorar este día, as organizacións Autismo Europa, Autismo España e Autismo Galicia promoven unha serie de actividades para dar visibilidade a este tipo de trastorno.
Así, o Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social, participa un ano máis na campaña de concienciación #LIUB, mediante a que edificios e monumentos de todo o mundo se iluminan de azul como mostra de apoio e solidariedade con todas as persoas con TEA. Deste xeito, esta noite a fachada da Casa do Concello, situada en Bertamiráns, tinguirase de cor azul, sumándose a esta iniciativa mundial promovida por Autism Speaks (Light It Up Blue).
No 2020 ilumináronse en España máis de 350 monumentos, en Galicia foron 35 edificios e monumentos. Entre os máis importantes de Galicia estiveron o Concello de Santiago, a Torre de Hércules, o CGAC, As Burgas ea Cidade da Cultura entre outros.
Este ano 2021 a campaña transmítese a través do lema “Podo aprender, podo traballar”, co que se pretende concienciar sobre como crear as condicións adecuadas para facer que a educación e o emprego sexan máis accesibles para o colectivo.
Concienciación social sobre o TEA
Mediante esta campaña preténdese aumentar a conciencia social sobre o TEA para que a cidadanía saiba que todos podemos contribuír á inclusión das persoas con este tipo de trastorno con pequenos xestos, ao tempo que se busca concienciar aos dirixentes políticos sobre a necesidade de promover políticas centradas no respecto aos dereitos das persoas autistas.
Neste senso, tamén se quere manifestar a importancia de que se aprobe e poña en marcha un plan de acción da estratexia en TEA, tanto a nivel europeo como español, no que se establezan os recursos necesarios e se fixe un calendario coas accións máis urxentes para mellorar a calidade de vida deste colectivo e as súas familias.
Así mesmo, entre os obxectivos do movemento asociativo encontrase o de promover a implantación total da Convención da ONU sobre Dereitos das Persoas con Discapacidade, aprobado en decembro de 2006.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Tinguiuse de azul polo Día do Autismo a casa consistorial de Ames"