- Tematica
Catro persoas por grupo, máscaras, distancia e respecto de todas as normas marcadas polas autoridades sanitarias. As clases ximnasia terapéutica do programa Amessan realízanse, sempre que o tempo o permite, ao aire libre no Pazo da Peregrina. As alumnas, maiores de 70 anos, manifestan que botaron moito de menos estas clases durante o confinamento. Aseguran tamén que grazas a esta actividade séntense máis áxiles e rexuvenecidas, tanto física como mentalmente. “Espreguiza corpo e mente”, é o lema deste curso do programa “Amessan”.
Paz, Teresa e Nucha acoden cada martes, a pesar de que lles gustaría que fosen más días a semana, ao Pazo da Peregrina de Bertamiráns ás 12.00 horas. Alí, durante unha hora, fan exercicios de mobilidade articular, estiran os músculos do tronco superior e realizan unhas rutas circulares ao aire libre aproveitando a maquinaria de exercicios que o Concello ten instalada. Uxía, unha das profesoras da actividade afirma que: “Hai moita xente que levaba moito tempo encerrada na casa e botábanse en falta entre eles. O importante de todo isto é o grupo, a unión”. A encargada de impartir as clases asegura que “o confinamento influíu negativamente ás persoas que soían vir xa que a moitas delas notouselles ao comezar de novo un empeoramento nas condicións físicas”.
Teresa, de Trasmonte, quédase co positivo da nova forma de facer as clases xa que asegura que lle gusta máis estar ao aire libre. A veciña asegura que vindo a estas actividades “ sempre se fan amigas”.
Outra das alumnas é Paz, quen leva máis de 10 anos acudindo as actividades do Concello. Ademais das actividades de ximnasia terapéutica, tamén asiste ás clases de memoria, “se máis houbera, máis me apuntaba. Xa fun a pintura e a piscina”, afirma Paz. Conta que durante o confinamento, os encargados das actividades enviáronlles libros e vídeos para continuar coas actividades dende a casa. Aínda así, esta veciña de Bertamiráns foi precavida xa que recoñece que deixou algún dos apuntamentos sen facer “por se había outra corentena”.
Nucha leva seis anos en ximnasia terapéutica grazas as súas amigas que a animaron. “Gústame o exercicio, a ximansia, o valor dos profesores. Ao xubilarme, estas actividades sérvenme como motivación para levantarme”, agradece Nucha.
O programa Amessan confórmase a base de obradoiros saudables nos que poden participar persoas maiores de 60 anos e tamén as persoas con diversidade funcional que presenten un certificado médico que recomende a súa asistencias a algunha das aulas. A oferta deste curso inclúe cursos de decoración e restauración; estimulación cognitiva; ximnasia terapéutica; e música tradicional galega, pensados sobre todo para cuidar a saúde física e emocional dos maiores do concello.
“Quen máis sofre xa de propio as situacións de illamento son os/as maiores. Por iso que se poidan volver a realizar as actividades de xeito presencial, aínda que sexa con un número moi reducido de persoas, é importantísimo para este colectivo”, declara a concelleira de Servizos Sociais, Luísa Feijóo. A concelleira lembra a importancia que para este colectivo teñen todas estas actividades que “melloran a súa calidade de vida, os manteñen activos, e conectados”. “Os Concellos temos a obriga de facilitarlles eses instrumentos para conseguir a súa implicación social, permitindo ás persoas realizar todo o seu potencial de benestar físico, social e mental o longo do seu ciclo vital participando nas actividades de acordo cas súas necesidades, desexos e capacidades", remata Feijóo.
Pola súa banda, Rubén ramos, responsable da OVA, a Oficina de Voluntariado de Ames, conta que “agás algunhas persoas que por carácter teñen máis medos e máis reparos, máis do 80% das/os usuarios dos cursos están felices de recomezar de novo coas clases e de que isto lles permita saír da casa e volver a relacionarse”.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "As septuaxenarias rexuvenecen coa ximnasia terapéutica diaria"