Pestanas principais

Continúa o programa “Abril de cine” coa proxección do filme “A Illa das mentiras” de Paula Cons

Luns, 12 de abril de 2021

Este mércores, 14 de abril, ás 20.00 horas, continúa o programa Abril de cine, unha nova iniciativa posta en marcha pola Concellaría de Cultura. Nesta ocasión a veciñanza de Ames poderá ver no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro o filme A illa das mentiras, dirixida por Paula Cons e protagonizada por Nerea Barros, Vitoria Teijeiro, Ana Oca, Aitor Lúa, Celso Bugallo e Darío Grandinetti, que narra a historia ficcionada de tres mozas que arriscaron a súa vida para salvar aos sobreviventes do naufraxio do Santa Isabel na Illa de Sálvora. Este filme vén de gañar este pasado sábado, 10 de abril, 5 galardóns na XIX edición dos Premios Mestre Mateo. Para ver esta película xa non quedan entradas dispoñibles. Este programa está patrocinado pola Deputación da Coruña.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Cultura, puxo en marcha para este mes de abril unha nova iniciativa para achegar o cine galego á veciñanza de Ames. O programa Abril de cine inclúe a proxección de tres filmes. A primeira sesión de cine tivo lugar a semana pasada, o mércores 7 de abril, en Bertamiráns, coa proxección de Ons, unha película dirixida por Alfonso Zarauza, que gañou 9 galardóns na Gala da XIX edición dos Premios Mestre Mateo celebrada este pasado sábado no Teatro Colón da Coruña. Un dos premios foi o de mellor longametraxe.

Outro dos filmes que foi protagonista nos Premios Mestre Mateo, foi Ons, dirixida por Paula Cons, que obtivo 5 premios: mellor dirección para Paula Cons, interpretación masculina de reparto para Milo Taboada, dirección de arte para Antonio Pereira, maquillaxe e perruquería para Raquel Fidalgo e Patricia Vilela e vestiario para Eva Camino.

Esta película tamén se poderá ver en Ames dentro do ciclo Abril de cine. Proxectarase este mércores, 14 de abril, ás 20.00 horas, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. Este filme está baseado nunha historia real dos anos 20. Un buque, con destino Bos Aires e 260 persoas a bordo, fúndese fronte a illa de Sálvora. Tres mozas isleñas, María (Nerea Barros), Josefa (Victoria Teijeiro) y Cipriana (Ana Oca), deciden ir ao rescate salvando a 48 persoas, un acto heroico que pagarán moi caro. Tras estes feitos, un xornalista arxentino, León (Darío Grandinetti), acude a Sálvora para cubrir a nova pero comproba que esa noite sucederon demasiadas terribles "casualidades".

Para ver esta película xa non quedan entradas dispoñibles. Prégase puntualidade porque a proxección do filme comezará ás 20.00 horas. En todas as sesións de cine abriranse as portas dos auditorios das Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro ás 19.45 horas.

A concelleira de Cultura, Natividade González, destaca “a calidade do ciclo Abril de cine que conta con tres filmes de recoñecido prestixio como son Ons, A illa das mentiras, e Trote. As dúas primeiras galardoadas con 9 e 5 premios respectivamente, na Gala dos Premios Mestre Mateo que vén de celebrarse este pasado sábado na Coruña, e Trote, que tivo 12 candidaturas nos 33 Premios Goya de 2019”.  

Proxección de Trote
O programa pecharase coa proxección de Trote, na que se poderá ver escenas rodadas en Ames. Será o mércores, 21 de abril, ás 20:00 horas, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. Esta película conta a historia dunha moza que vive nunha aldea nas montañas galegas xunto ao seu pai Ramón, co que apenas se comunica, e a súa nai enferma. Traballa nunha panadería e necesita escapar dese ambiente opresivo, pero as circunstancias sempre llo impediron.

A entrada para asistir a ver calquera destes tres filmes é de balde. Aínda así débese reservar o convite a través da billeteira electrónica do Concello de Ames. Nestes intres tan só quedan convites dispoñibles para asistir á proxección do filme Trote. Este programa está patrocinado pola Deputación da Coruña.

Novas relacionadas:

Compostela 24 Horas: "Ames continúa o programa Abril de cine coa proxección do filme A Illa das mentiras de Paula Cons"

A Illa das mentiras, de Paula Cons, proxéctase este mércores no Milladoiro

Multimedia

  • Cartel do programa Abril de cine