- Tematica
A Aula da Natureza do Concello de Ames organizou para o vindeiro sábado, 24 de abril, unha visita ás Fragas do Eume, que se enmarca dentro do programa Pegadas. Ofértanse 24 prazas. Para inscribirse hai que enviar un correo electrónico ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal. Terán prioridade as persoas anotadas na actividade que se ía realizar no pasado mes de novembro, que houbo que suspender polas medidas de restrición derivadas da Covid-19. Haberá servizo de autobús dende Bertamiráns e O Milladoiro. Cada participante deberá levar a súa propia comida.
Primavera nas Fragas do Eume, este é o nome da actividade que organizou a Aula da Natureza do Concello de Ames para este sábado 24 de abril. Esta visita inclúese na programación que a Aula da Natureza propón a través do programa Pegadas.
Esta visita inclúe unha ruta polas Fragas do Eume e unha visita interpretada ao mosteiro de San Xoán de Caaveiro. As Fragas do Eume é un dos bosques atlánticos de ribeira mellor conservados de Europa. Dentro das súas 9.000 hectáreas de extensión viven menos de 500 persoas, o que dá unha idea do estado virxe destes exuberantes bosques que seguen o curso do río Eume. O parque ten a forma dun triángulo cuxos vértices e fronteiras serían As Pontes de García Rodríguez, Pontedeume e Monfero.
Por outra banda, visitarase o mosteiro de San Xoán de Caaveiro, que se atopa situado nun montículo rochoso entre os ríos Eume e Sesín, nas Fragas do Eume. As súas orixes remóntanse ó século X en que se teñen as primeiras noticias da existencia de vida monástica neste lugar. A historia de Caaveiro vencéllase a San Rosendo que pertenceu á orde de San Bieito e posteriormente foi mosteiro de cóengos regulares de San Agustín. Trátase dun conxunto de edificacións, algunhas xa desaparecidas: Igrexa principal, Igrexa de Santa Isabel, celdas, cabildo, sancristía, pozo, almacéns, arquivo, torre-campanario, etc.
Para esta actividade ofértanse 24 prazas. Para inscribirse hai que enviar un correo electrónico ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal. Terán prioridade as persoas anotadas na actividade que se ía realizar no pasado mes de novembro, que houbo que suspender polas medidas de restrición derivadas da Covid-19.
Haberá servizo de autobús dende Bertamiráns e O Milladoiro. A saída está prevista dende a praza do Concello, en Bertamiráns, ás 9.45 horas, e dende a Casa da Cultura do Milladoiro, ás 10.00 horas. O regreso está previsto para ás 18.00 horas ao Milladoiro e ás 18.15 horas a Bertamiráns. Cada participante deberá levar a súa propia comida. O xantar farase nunha área recreativa.