- Tematica
A Corporación municipal, reunida en sesión plenaria extraordinaria, aprobou de xeito definitivo o Orzamento municipal de 2021, que ascende a cifra de 29.888.000 euros. Trátase do maior orzamento municipal aprobado no Concello de Ames. A aprobación definitiva do orzamento estivo asociada á desestimación dunha alegación presentada polo grupo municipal popular fronte ao acordo de aprobación inicial do orzamento municipal de 2021, e contou cos votos a favor do grupo de goberno, a abstención do concelleiro de Ames Novo, Quique Costas, e o voto en contra do grupo municipal do PP e do concelleiro de Ciudadanos, José Ramón Oulego.
O debate da sesión plenaria xirou arredor da alegación presentada polo grupo municipal popular e que facía referencia a que no capítulo primeiro do orzamento municipal para o exercicio 2021, na partida 113.00, relativa aos ingresos polo imposto sobre bens inmobles de natureza urbana, estímase unha recadación de 6.560.000 euros. Para a obtención de desta contía de ingresos por IBI urbana os servizos económico municipais tomaron como base os padróns do exercicio 2020 e aplicaron o tipo impositivo do 0,50% para bens inmobles de natureza urbana. Dende o grupo municipal popular alegaban que a previsión de ingresos contida na partida 113.00 deberíase de ter realizado aplicando un tipo impositivo do 0,44% sobre a base dos padróns do ano 2020. Polo conseguinte, xurdía unha minoración na previsión de ingresos de 852.800, resultando porén, unha previsión de ingreso total polo IBI urbano de 5.707.200 euros, en vez dos 6.560.000 euros recollidos no orzamento municipal.
O grupo de goberno defendeu a desestimación da alegación en función do informe das técnicas municipais no que se indica que o tipo impositivo aplicable para o ano 2021 do imposto sobre bens inmobles de natureza urbana non é do 0,44%, senón do 0,50%, que é o recollido no texto integro da ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre bens inmobles (IBI), aprobado na sesión de pleno do 15 de outubro de 2020 e publicado no BOP número 218, do 21 de decembro de 2020.
Cómpre lembrar que no pleno do 15 de outubro de 2020 prestouse aprobación ao texto integro da ordenanza do IBI, onde se recolle expresamente que o tipo impositivo que se mantén é do 0,50% para os bens de natureza urbana, e modificouse o artigo 15 da ordenanza do IBI en materia de bonificacións. Por último, indica o informe das técnicas municipais que cando o Concello aproba o orzamento para 2021 (na sesión plenaria do 11 de marzo de 2021) a ordenanza fiscal do IBI vixente nese momento (e na actualidade) é a aprobada no seu texto integro na sesión do 15 de outubro de 2020, que se publicou no BOP do 21 de decembro de 2020, por tal motivo se aplicou o tipo impositivo do 0,50% para bens inmobles de natureza urbana.
Intervencións no pleno
O concelleiro de Ciudadanos, José Ramón Oulego, defendeu o seu voto en contra da desestimación da alegación presentada polo Partido Popular, ao entender que o que se aprobou en outubro do pasado ano non é o texto integro da ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre bens inmobles, senón unha modificación parcial. Para José Ramón Oulego, “unha cousa é a vontade política de subir os impostos e outra a forma de facelo. Se facemos isto así, non habería modificacións parciais de ordenanzas. Serían sempre modificacións totais. O que está publicado, entendo que non é a modificación da ordenanza e a aprobación do texto íntegro, senón a modificación da ordenanza sen máis. E iso foi o que levamos aos boletíns oficiais. Se simplemente modificamos o artigo 15, o resto sigue igual, e iso foi aprobado no pleno anterior que foi declarado nulo ao entender o xulgado que houbo unha vulneración de dereitos fundamentais. E nese sentido, entendo que hai que aplicar o tipo anterior, que é o que se recolle na alegación”.
O concelleiro de Ames Novo, Quique Costas, optou pola abstención ao entender que se trataba dun pleno “inútil” pese ao “apaixonante da discusión”. Quique Costas aludiu a que “estes orzamentos, con este tipo de IBI, correspóndense exactamente co que expresou a vontade democrática maioritaria deste pleno, aínda que fose en contra da miña opinión, xa que estou en contra de que así sexa. Traer este asunto pola vía desta alegación o único que supón é atrasar a entrada en vigor dos orzamentos. Non vai servir para que se baixe o tipo de IBI, xa que o único que tería un efecto para reducir o tipo de IBI sería ir aos tribunais e impugnalo. E atrasar a entrada en vigor dos orzamentos non beneficia a ninguén, xa que prexudica á cidadanía. Creo que este pleno responde exclusivamente ao interese dun determinado grupo político de seguir espremendo un limón ao que só lle queda a casca”.
Por parte do grupo municipal do Partido Popular, o concelleiro Javier Olmo, aludiu a que se estaba a aplicar un “tipo impositivo que é erróneo e que é ilegal, e non porque o digamos nós, senón porque hai unha sentenza xudicial sobre este tema que o declarou nulo. Consideramos que o tipo que se ten que utilizar á hora de facer o cálculo da estimación destes ingresos é o 0’44%. É un erro, xa que o goberno non fai caso do que lle di a sentenza nin do que recolle o artigo 19 da Lei Reguladora das Facendas Locais, que obriga a adecuar aos términos das sentenzas todas as actuacións levadas a cabo con posterioridade á notificación da mesma, algo que o goberno non fixo á hora de elaborar os orzamentos. Non entendemos moi ben por que o goberno se empecina en non admitir o tema e facer como se non pasara nada, porque é certo que se o goberno quere que o tipo impositivo sexa o 0’50%, que o modifique, pero que o faga directamente, que o faga ben, xa que ademais teñen a maioría absoluta para facelo”.
Por parte do grupo de goberno, a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, manifestou que “en todo momento o goberno foi transparente e en todo momento todos e todas as que estamos neste pleno sabiamos o que iamos aprobar no pleno do 15 de outubro de 2020, tamén o Partido Popular. Por que o Partido Popular non dixo nada no pleno de outubro do ano pasado se tiñan todas esas dúbidas? O normal e transparente sería dicilo e defendelo nese pleno no que se aprobou a ordenanza. Eu fun clara. Falei do tipo impositivo e da aprobación do texto íntegro e vostedes non dixeron nada. E tampouco recorreron a ordenanza. E agora, nun asunto que non ten que ver de forma directa coa ordenanza, indirectamente si temos que buscar a ordenanza aplicable para facer os cálculos, aparecen con esta cuestión. É máis, gustaríame saber a quen se refiren cando falan de nós, se á secretaria, á interventora ou ao goberno. Porque aquí ninguén fixo nada de xeito escuro e fomos moi claros”.
Orzamento
O orzamento de 2021 alcanza a cifra de 29.888.000 euros, sendo o maior presuposto municipal de Ames. As principais áreas de gasto son servizos básicos (benestar comunitario) con 6.798.632,18 euros (22,75%); educación e conciliación con 5.565.436,51 euros (18,62%); servizos sociais con 2.595.160,44 euros (8,68%); urbanismo con 2.520.425,44 euros (8,43%); e administración xeral con 2.014.715,17 euros (6,74%). Estas cinco áreas supoñen o 65,22% do orzamento, amosando o forte compromiso polos servizos públicos. A sexta área en importancia dentro do orzamento é a de cultura e mocidade cunha partida de 1.438.918,36 euros (4,81%), seguida da área de seguridade e mobilidade con 1.348.412,80 euros (4,51%). De seguido, están as áreas de política económica e fiscal con 1.311.186,78 euros (4,39%) e maila área de deportes cunha partida de 1.197.481,97 euros (4,01%).
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Ames aprueba el mayor presupuesto de su historia, con 29,88 millones"
La Voz de Galicia: "El PP de Ames estudia la vía judicial tras el rechazo de su alegación al presupuesto"