- Tematica
No marco das actividades do mes do libro, as Bibliotecas Municipais de Ames, en colaboración con cinco librarías do Concello, organizaron o Sorteo do Día de Libro en Ames. O sorteo desenvolveuse nas sedes das Bibliotecas en Milladoiro e Bertamiráns. Os 40 afortunados/as xa poden pasar a recoller os vales de 25 euros que poderán trocar por libros até o 8 de maio.
O sorteo realizouse na mañá do 27 de abril nas dúas bibliotecas. En total extraéronse das urnas 40 premios, 8 por libraría participante. A cada boleto premiado correspóndelle un bono de 25 euros que o agraciado/a poderá trocar por libros na mesma libraría na que depositou a papeleta.
As Bibliotecas repartiron un total de 1.200 papeletas das que chegaron a depositarse nas urnas preto de 1000. Participaron da iniciativa as librarías Lenda, Huargo Artis e Máinomen, de Bertamiráns e Nenos Nais e O Tinteiro de Milladoiro.
O sorteo de libros deu continuidade á iniciativa comezada no Nadal e que tamén tivo unha moi boa aceptación entre os veciños e veciñas de Ames. Cómpre salientar que entre os premiados/as hai 27 mulleres e 13 homes.
“As 1000 persoas que participaron no sorteo avalían o éxito da iniciativa. Queríamos apoiar ás librarías amesás e gañar máis lectores e lectoras para Ames e as cifras falan por si soas. Ademais os propios testemuños das libreiras e libreiros e o feito de que cando aínda non rematara o sorteo xa nos estaban pedindo máis boletos porque se lle esgotaran, ratifican o éxito da campaña”, manifesta a concelleira de Cultura, Natividade González, ao tempo que engade que “o departamento seguirá planificando estratexias deste tipo no futuro”.