- Tematica
O Concello de Ames colabora con REAS Galicia na organización do VI Encontro aberto da Economía Social e Solidaria, que se desenvolverá o próximo sábado, 22 de maio, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. Haberá charlas dirixidas a representantes de pequenas entidades co fin de potenciar a relación entre o tecido da economía social. As actividades programadas realizaranse en horario de 11.00 a 14.00 horas. Para asistir, xa sexa como público ou para intervir facendo a micro-presentación dun proxecto da túa entidade, é preciso inscribirse cubrindo este formulario.
A Rede galega da economía alternativa e solidaria en Galicia organiza o vindeiro sábado, 22 de maio, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, o VI Encontro aberto da Economía Social e Solidaria. A través desta xornada preténdese visibilizar a economía social e solidaria co fin de apoiar ás entidades locais tendo en conta a idiosincrasia do país, ligada a microempresas e á dispersión territorial.
A xornada comezará ás 11.00 horas coa presentación do Encontro por parte de representantes de REAS Galicia e do alcalde de Ames, Blas García. Continuarase co espazo “Reascunchiño”, micropresentacións de entidades da economía social galega (cooperativas, centros especiais de emprego, empresas de inserción laboral, sociedades laborais, asociacións con actividade economía ou sociedades agrarias de transformación). Convidarase, ademais, a participar a empresas da economía social da zona subliñando as fortalezas do tecido local de Ames. Estas charlas rematarán ás 12.30 horas.
De seguido, de 12.30 a 13.00 horas, impartirase a actividade “Aproximación ás finanzas éticas e á moeda social”. Esta sesión busca dar a coñecer o sector financeiro da economía social que traballa cos principios de democracia, transparencia e participación, con sólidas institucións como as socias de REAS, Coop57 ou O Peto. Farase tamén unha pequena aproximación ás diferentes propostas galegas en moeda social.
Para rematar, de 13.00 a 14.00 horas, a cooperativa socia de REAS Galicia, 7H Cooperativa Cultural, presentará o seu proxecto artístico “Transmutar camiños”, que ten un dos seus centros en Ames, onde tamén impulsan “A Historia Viva de Ames” ou “Museo das Migrantes”, unha publicación artística contra a xenofobia e o racismo.
É preciso inscribirse
Para asistir, xa sexa como público ou para intervir facendo a micro-presentación dun proxecto da túa entidade, é preciso inscribirse cubrindo este formulario. Esta actuación está subvencionada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e polo Ministerio de Emprego, Migracións e Seguridade Social para entidades da Rede Eusumo.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, agradece a REAS Galicia “ter elixido Ames para desenvolver a sexta edición deste Encontro sobre economía social e solidaria. É importante organizar este tipo de xornadas para dar a coñecer e poñer en valor proxectos que se están realizando neste eido”. Ademais, anima ás empresas da comarca a inscribirse e participar en dito Encontro.
Por outra banda, a concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, indica que “ademais de agradecerlle a REAS o ter escollido o noso concello como sede para este VI encontro tamén hai que agradecerlle e recoñecerlle o gran traballo que está a facer potenciando a economía solidaria, que xurde como resposta á deshumanización da economía, ao deterioro do medio ambiente e á perda de valores sociais, converténdose nun instrumento para avanzar cara a unha sociedade máis xusta e solidaria, sostible e comprometida mostrándonos outro xeito de enfocar e xestionar a economía. Esta proposta de economía social fai que deixemos de ser quen sofre as consecuencias de decisións que non tomamos e pasemos a ser as persoas o centro da economía”.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "La economía alternativa tendrá su capital en Bertamiráns el 22"