- Tematica
Conducida pola xornalista de Ames Radio, Nazaret López, coa presenza do alcalde, Blas García, da concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, dos membros do xurado, Armando Requeixo e Paulo Calvo, e das gañadoras e gañadores, celebrouse o pasado venres, 21 de abril, a gala de entrega de premios da XVIII edición do Certame Literario de Ames. O acto comezou cun recital de poemas de Xela Arias a cargo da cantante Fátima Pego e do pianista Josep Ruíz. O dúo encargouse tamén da clausura da velada interpretando unha escolma de cancións galegas. Pódense ver as imaxes do acto na galería premendo nesta ligazón.
No ano 2020, o tradicional acto de entrega de premios aos gañadores/as do Certame Literario de Ames non se puido desenvolver por mor da situación de crise sanitaria que estabamos atravesando, polo que nesta ocasión, a conmemoración do certame, que este ano cumpre a maioría de idade, acadou o carácter especial de recuperación dunha das tradicións culturais máis emblemáticas do concello de Ames. Así o recoñeceron nos seus discursos tanto o alcalde Blas García como a concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín.
“Hoxe é un día de festa por varias razóns e a primeira delas é a de poder xuntarnos e facer esta pequena celebración”, manifestou Blas García, antes de dicir que os galegos debemos defender o idioma todos os días do ano porque é o noso maior tesouro: “A min danme moita rabia esas persoas que o 17 de maio fan unha escolma ou un texto en galego e o resto do ano falan castelán”. O alcalde concluíu dicindo que “os amesáns e as amesás podemos estar realmente orgullosos do certame que este ano cumpre a súa maioría de idade e que axuda sempre a descubrir novos talentos para a literatura galega”.
“É moi ilusionante comezar a vérmonos e a sentir a caloriña humana, aínda que sexa a través destas máscaras”, manifestou a concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín”. Pampín dixo tamén sentir moita admiración “polas persoas que se enfrontan a un papel en branco e que o fan en lingua galega” e convidou a todos e a todas a contribuír á normalización lingüística do país “Quen participa neste concurso xa o está facendo”, matizou ao tempo que desexaba a todos os premiados e premiadas que “o certame sirva de lanzadeira para as carreiras literarias de todos vós”.
No nome do xurado, falou o profesor o crítico literario Armando Requeixo que cualificou de “escenario de zahorís” ao Certame , pola sona que ten de dar a coñecer novos talentos : “Aquí hai rapaciños e rapaciñas de 8, 9 e 10 anos cos que me vou estar cruzando e dándolles premios noutros certames de distintas categorías ao longo de vindeiros anos”. Requeixo salientou tamén a capacidade de convocatoria que o concurso ten tamén para nomes consagrados da literatura galega: “este ano sen ir máis lonxe premiamos a Arantxa Nogueira que ten xa un feixe de traballos publicados e a Antonio Piñeiro que eu creo que con queda concurso no país que non ganase”.
A cantante Fátima Pego, e o pianista Josep Ruíz, que abriran a gala cun recital de poemas de Xela Arias, a homenaxeada no Día das Letras deste ano, pecharon a gala cun pequeno concerto no que fixeron versións de temas galegos como “Negra Sombra”, “Lena”, “O Mar” e “Campanas de Bastavales”.
Pódense ver as imaxes do acto na galería premendo nesta ligazón.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Premios literarios para os novos talentos e mestres"