Pestanas principais

O IES de Bertamiráns recibe o 1º Premio no Concurso-exposición “Letras 2021” da Xunta de Galicia polo proxecto 'Abecedáriome'

Sábado, 05 de xuño de 2021

Para conmemorar o Día das Letras Galegas deste ano, o alumnado do instituto de Bertamiráns participou no concurso “Letras 2021” co proxecto “Abecedáriome”. Trátase dun traballo no que se recollen aspectos da vida, a obra e a época na que viviu Xela Arias. Á entrega de premios, celebrada no centro educativo, acudiron o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín; a directora do IES, M.ª Soledad Lestón; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor. A exposición galardoada estivo exposta na Casa de Cultura de Bertamiráns durante o mes de maio.

Os traballos gañadores do 1º Premio no Concurso-exposición “Letras 2021” da Xunta de Galicia puidéronse ver durante todo o mes de maio na Casa de Cultura de Bertamiráns. O título da exposición foi “Abecedáriome”. Outros carteis, realizados tamén por alumnos e alumnas do instituto, mostráronse nunha exposición urbana chamada “Xela Arias, desde nós en ti”, nos escaparates de distintos establecementos de Bertamiráns e do Milladoiro.

A entrega de premios realizouse no IES de Bertamiráns. Ao acto acudiron o alumnado e o profesorado do centro xunto co alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, e a directora do IES, M.ª Soledad Lestón. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, fixeron entrega do galardón. Xunto a eles, participaron o fotógrafo Xulio Gil, en representación da familia Arias Castaño, e a vicepresidenta de Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN).

O secretario xeral de Política Lingüística felicitounos pola proposta “orixinal e moi coidada” que aborda “as diferentes facetas da autora recoñecida este 17 de maio, dende a de escritora ata a de docente, pasando pola de editora, tradutora e activista cultural e social, sempre comprometida coa lingua e coa cultura de noso”. Ademais, destacou a transcendencia da exposición.

Dispoñible no Portal da Lingua Galega
Tanto este traballo do IES de Ames como o do centro gañador na modalidade de educación infantil e primaria están dispoñibles para a súa descarga de balde desde o Portal da Lingua Galega. Ambos os dous supoñen recursos de utilidade para a comunidade educativa dos diferentes niveis de ensino non universitario de Galicia, mais tamén para a das universidades, centros de estudos galegos, centros que cursan ensinanzas de galego nas comunidades estremeiras e, así mesmo, para o público dos concellos, bibliotecas e asociacións que traballan a prol da lingua e da cultura galegas. Forman parte da programación institucional que a Xunta desenvolve para renderlle tributo a Xela Arias e facer partícipe a toda a sociedade galega desta celebración.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "El IES de Bertamiráns recibe el primer premio en el concurso Letras 2021 por el proyecto «Abecedáriome» "

El Correo Gallego:" Entrega de premios no IES de Bertamiráns polo proxecto ‘Abecedáriome’"

Compostela 24horas: "O IES de Bertamiráns recibe o 1º Premio no Concurso-exposición “Letras 2021” da Xunta de Galicia polo proxecto 'Abecedáriome'"

Premio o Concurso-exposición “Letras 2021”

Multimedia

  • Premio no Concurso-exposición “Letras 2021”
  • Premio no Concurso-exposición “Letras 2021”
  • Premio no Concurso-exposición “Letras 2021”
  • Premio no Concurso-exposición “Letras 2021”
  • Premio no Concurso-exposición “Letras 2021”
  • Premio no Concurso-exposición “Letras 2021”
  • Premio no Concurso-exposición “Letras 2021”
  • Premio no Concurso-exposición “Letras 2021”