Pestanas principais

A rapazada de Ames poderá concienciarse sobre a seguridade viaria o sábado 12 de xuño dun xeito lúdico

Luns, 07 de xuño de 2021

A Concellaría de Mobilidade presentou esta mañá, xunto co Inspector Xefe da Policía Local, o concelleiro de Seguridade e Saúde Laboral, e o alcalde de Ames, o proxecto educativo que baixo o lema “Se nos respectamos, todos e todas gañamos” inclúe unha xornada de actividades e xogos para concienciar aos nenos e nenas sobre as normas básicas de seguridade viaria. Celebrarase o sábado 12 de xuño no Aparcadoiro da Rúa Palmeiras en Milladoiro ás 17:00 horas. Para asistir é preciso inscribirse, antes do 11 de xuño ás 12.00 horas, enviando un email a mobilidade@concellodeames.gal indicando nome e idade do neno ou nena.

“Casco usarás, se coa bici ou cos patíns queres andar”, “Se tranquilos queres viaxar, o autobús podes usar”... son algúns dos consellos que a Curuxa Maruxa, a personaxe creada pola Concellería da Mobilidade para concienciar sobre a seguridade viaria aos nenos e as nenas, dará o sábado, 12 de xuño, aos nenos e nenas de Ames.
A través do lema “Se nos respectamos, todos e todas gañamos”, o concello celebra o Día da Seguridade Viaria. Os nenos e nenas do concello, de 6 a 12 anos, teñen unha cita no Aparcadoiro da Rúa Palmeiras en Milladoiro ás 17:00 horas o sábado 12 de xuño.

A xornada comezará co “Xogo do carné por...”. Trátase dun simulacro nun circuíto de exame para conseguir o carné. Unha vez obtido, os rapaces e rapazas demostrarán as súas capacidades para conservar ou perder puntos.

Os participantes serán agasallados co “Xogo da Curuxa Maruxa”, un xogo de mesa inspirado no formato da tradicional “Oca” con mensaxes sobre seguridade viaria e diferentes sinais de tráfico que farán chegar á meta .

Tamén se entregarán fichas para os/as máis pequenos/as “Colorea sinais coa curuxa Maruxa”. Estes debuxos foron entregados polos colexios do Concello de Ames para que o alumnado os coloree. Ademais, o equipo docente recibiu unha guía adaptada para ensinar sobre seguridade viaria aos alumnos e alumnas.

A través desta xornada preténdese non só concienciar ao/as máis pequeno/as, senón tamén aos pais e nais, que son o maior exemplo da rapazada.

Día da Seguridade Viaria
Cada ano celébrase este día coa esperanza de que ao ano seguinte as cifras de sinistros e falecidos nas estradas diminúa. Para que isto suceda é moi importante a responsabilidade individual e a conciencia cidadá cumprindo as normas emitidas polas autoridades.297 falecementos puideron evitarse co uso do cinto de seguridade ou do casco.
O obxectivo é concienciar aos máis pequenos sobre as normas básicas que se deben seguir nos desprazamentos a pé, en bicicleta ou nun medio de transporte público.

A concelleira de Mobilidade, Beatriz Martínez; asegurou que: “O Día da Seguridade Viaria, celebrado por primeira vez en Ames, a través da Curuxa Maruxa pretender dar consellos para que todos e todas circulemos mellor, especialmente ensinar aos nenos e nenas a importancia de circular ben pola vía e de estar atentos ao que está ao arredor. Trátase de que estes pequenos e concisos consellos, a través do xogo, vaian calando pouco a pouco na cativada”.

Pola súa banda, o Inspector Xefe da Policía Local do Concello de Ames, José Antonio Rodríguez, mostrou o seu interese por colaborar neste proxecto: “Trátase de formarlle unha conciencia viaria aos pequeno/as no presente e no futuro. Non podemos esquecer o efecto espello que causan as persoas adultas na infancia e por iso a importancia das nosas accións que son copiadas polo/as menores. Temos que ter en conta unha responsabilidade colectiva como sociedade, dende a Policía Local traballamos diariamente para preservar a seguridade nas vías pública e apelamos á conciencia colectiva”.

Víctor Fernández, concelleiro de Seguridade e Saúde Laboral, afirmou que: “ É algo moi importante para toda a poboación pero sobre para os neno/as. A través dunha maneira novidosa e orixinal, a través do xogo, preténdese sensibilizar, formar e sacar, dende o Concello, futuros cidadáns responsables”.

Blas García, alcalde de Ames, felicitou á concelleira de Mobilidade pola iniciativa: “Conseguiu poñer no centro da política local unha área tan importante como é a mobilidade. A idea é novidosa e este xogo sirve moi ben para achegarse aos máis pequenos e que tomen conciencia e coñezan as normas de seguridade e as sinais de tráfico. Creo que sería positivo que se convirta nun xogo familiar porque, ao final, todos temos que aprender que os mellores para ensinar aos fillos e fillas, somos os pais e as nais”.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Curuxa Maruxa,  la mascota de Ames para enseñar seguridad vial"

El Correo Gallego: "Curuxa Maruxa va a concienciar a los jóvenes sobre seguridad vial con juegos y prácticas"

Presentación Día da Seguridade Viaria

Multimedia

  • Presentación Día da Seguridade Viaria
  • Presentación Día da Seguridade Viaria
  • Presentación Día da Seguridade Viaria
  • Presentación Día da Seguridade Viaria
  • Día da Seguridade Viaria
  • Embedded thumbnail for
  • Embedded thumbnail for
  • Embedded thumbnail for
  • Embedded thumbnail for