Pestanas principais

O Pleno aproba a creación dunha Comisión de Estudo para determinar o modelo de xestión máis sostible e eficiente do servizo público municipal do Ciclo Integral da Auga

Xoves, 01 de xullo de 2021

O Concello de Ames celebrou este mércores, 30 de xuño, a sesión ordinaria do pleno do mes de xuño. A Corporación municipal aprobou a segunda licitación do servizo de limpeza viaria e xestión do punto limpo que inclúe importantes melloras no servizo; a creación dunha Comisión de Estudo para determinar o modelo de xestión máis sostible e eficiente do servizo público municipal do Ciclo Integral da Auga do Concello de Ames e a a solicitude dunha subvención nominativa á Deputación provincial da Coruña para a execución das obras de construción nunha primeira fase de beirarrúas na Avenida da Maía en Bertamiráns. Igualmente saíu adiante a proposta que presentaron os grupos municipais do goberno de Ames para compatibilizar o cobro da renda de inclusión Social de Galicia co ingreso mínimo vital.

O primeiro punto abordado na sesión foi a solicitude dunha subvención nominativa á Deputación provincial da Coruña para a execución das obras de construción nunha primeira fase de beirarrúas na Avenida da Maía en Bertamiráns que foi aprobado por unanimidade pola Corporación municipal. A Avenida da Maía é a principal arteria de Bertamiráns e, dende que o ano pasado se conseguira a cesión da mesma por parte da Xunta, o equipo do goberno está traballando na súa humanización. O orzamento de execución das melloras na Avenida da Maía é de 301.205,72 €, do que se pretende que a Deputación da Coruña financie o 80% da actuación a realizar.

Licitación do servizo de limpeza viaria
Por outra banda, aprobouse a segunda licitación do servizo de limpeza viaria e xestión do punto limpo do Concello de Ames. O Goberno defendeu unha licitación en que prima a calidade do servizo que se lle dá á veciñanza e achega importantes modificacións como a ampliación do horario do punto limpo, levar un punto limpo móbil ao rural e a inclusión na limpeza viaria das beirarrúas do rural e as zonas máis visitadas coma Pontemaceira ou o Camiño de Santiago. Esta segunda proposta saíu adiante cos votos a favor dos membros do Goberno municipal. Os concelleiros do grupo mixto, Quique Costas, de Ames Novo, e José Ramón Oulego, de Ciudadanos abstivéronse, mentres que os concelleiros e concelleiras do grupo municipal popular votaron en contra.

Ciclo Integral da Auga
Tamén foi aprobado o inicio do expediente para a determinación do modelo de xestión mais sostible e eficiente do servizo público municipal do Ciclo Integral da Auga e a creación dunha Comisión de Estudo, o que supón o primeiro paso formal de cara á municipalización do servizo.
Segundo Genma Otero, concelleira de Economía e Facenda, o estudo da posibilidade de mudar o modelo de xestión dos servizos de abastecemento, saneamento e depuración ligados ao Ciclo Integral da Auga “foi unha prioridade para o Goberno Municipal dende o ano 2015. Os traballos realizados, ao longo destes anos, e os informes recibidos recollen que a municipalización do Ciclo integral da auga é unhas das opcións máis vantaxosas para o Concello de Ames”.
José Ramón Oulego, de Ciudadanos, defendeu que “os servizos básicos teñen que basearse nos principios de eficacia e eficiencia e iso é o que xustifican os informes” e engadiu que “imos participar activamente na Comisión de estudo para que redunde nos intereses da cidadanía”.
Quique Costas, de Ames Novo, manifestou a súa alegría porque seis anos despois se dera este paso tan importante de cara á municipalización do servizo. Un servizo que en palabras de Quique Costas“ no primeiro ano vai achegar 569 mil euros de beneficio ás arcas municipais”.
Por outra banda, Francisco Javier Olmo, do Partido Popular dixo que seguirán moi de preto os estudos da Comisión pero que non comparten a proposta do Goberno. O concelleiro popular defendeu que “á cidadanía non lle preocupa quen xestiona a auga, o único que lles preocupa é o prezo da auga e que o servizo sexa de calidade”.
A proposta aprobouse cos votos a favor do grupo do goberno e do grupo mixto e a abstención do grupo popular.

Renda de inclusión Social
O Pleno rematou coa aprobación da proposta presentada polos grupos municipais do goberno de Ames, formado por PSOE, BNG e Contigo Podemos, para solicitar a modificación do Decreto 14/2019 para compatibilizar o cobro da renda de inclusión Social de Galicia co ingreso mínimo vital.
A proposta insta tamén a solicitarlle á Xunta a aplicación do artigo 42.2 da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de Inclusión Social de Galicia aos expedientes das solicitudes das persoas que se lles está a solicitar devolución dos importes da RISGA percibidos dende que se solicitara o IMV e que use o 100% do IPREM para calcular a contía mínima de percepción das distintas prestacións autonómicas.
Este punto aprobouse cos votos a favor dos membros do Goberno municipal e do concelleiro Quique Costas, de Ames Novo e a abstención dos concelleiros e concelleiras do grupo municipal popular e de José Ramón Oulego, de Ciudadanos.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Os populares de Ames tachan de ineficaz a decisión de municipalizar a xestión do ciclo integral da auga"

La Voz de Galicia: "Ames solicita 300.000 euros para reponer las aceras de la avenida da Maía"

La Voz de Galicia: "Ames crea la comisión para abordar la gestión del agua con una empresa municipal"

Lindeiros: "Ames crea unha Comisión de estudo sobre a futura xestión da auga"

AmesGO: "O Goberno local leva a pleno o primeiro paso para asumir a titularidade pública do servizo do Ciclo Integral da Auga"

La Voz de Galicia: "El PP de Ames teme el elevado coste de la gestión del agua"

 

 

Pleno ordinario do 30 de xuño