Pestanas principais

O programa Amessán organiza no mes de xullo o "Campamento urbano sénior"

Venres, 02 de xullo de 2021

Durante o mes de xullo, e como novidade, o programa Amessán reinvéntase unha vez máis e implementará, para os seus usuarios e usuarias, o " Campamento urbano sénior" onde os participantes poderán coñecer o Concello de Ames e desfrutar da actividade física ao aire libre por medio de rutas verdes espalladas polo termo municipal. O xoves 1 de xullo inaugurouse a actividade cunha visita a Pontemaceira.

As camiñatas polo espazos naturais do Concello de Ames percorrerán unha ruta por Pontemaceira, a ruta de Ríamontes, a ruta da Auga e a visita ao Fogar do Burro onde realizarán unha actividade interxeracional.

O campamento rematará a finais do mes de xullo cun xantar grupal no Parque do Ameneiral.

A concelleira Luísa Feijoo asegurou que: “Este foi un ano moi complexo onde tivemos que facer paróns e mesmo reprogramar e reformular as actividades para adaptarnos as restriccións marcadas dende Sanidade, aínda así fomos quen de ampliar a oferta das actividades do Programa Amessán e aumentalo un mes máis ante a demanda e a necesidade deste tipo de actividades fomentando así a actividade física e cognitiva tan importante para os nosos maiores. Amessán este ano saíu ás rúas e agora para rematar organizamos este "Campamento urbano sénior" que está a ter moi boa acollida por parte dos e das participantes”.

Ademais, animou dicindo que: “Xa estamos ca vista posta na vindeira edición 21/22, na cal esperemos que xa se poida levar a cabo o programa completo e aumentar o número de participantes e a oferta de actividades sobre todo polo rural e na que introduciremos pequena novidades como saídas culturais, excursións e ampliación desta primeira experiencia de campamento urbano·.

Esta nova actividade amplía a programación do programa Amessán, que está dirixido a persoas maiores de 60 anos empadroadas no Concello de Ames. Neste programa tamén poden participar aquelas persoas con diversidade funcional, presentando un informe médico, que recomende a súa asistencia a algunha das aulas.

A oferta deste curso incluíu cursos de decoración e restauración; estimulación cognitiva; ximnasia terapéutica; e música tradicional galega, pensados sobre todo para cuidar a saúde física e emocional dos amesáns "máis veteranos".

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Os amesáns de máis idade tamén teñen campamento propio durante este verán"

La Voz de Galicia: "Ames organiza un campamento urbano sénior durante este mes"

 

Campamentos urbanos sénior

Multimedia

  • Campamentos urbanos sénior
  • Campamentos urbanos sénior
  • Campamentos urbanos sénior
  • Campamentos urbanos sénior
  • Campamentos urbanos sénior
  • Campamentos urbanos sénior