Pestanas principais

O X Millarock trae a Ames a Desequilibrio Mental, Terbutalina e Bala

Mércores, 07 de xullo de 2021

O rock galego dáse cita o vindeiro 30 de xullo no Milladoiro da man da décima edición do Millarock. Nesta ocasión, subiranse ao escenario os grupos Desequilibrio Mental, Terbutalina e Bala. Organizado pola concellaría de Cultura do Concello de Ames, este evento musical xurdiu co obxectivo de promocionar o rock galego e impulsar a grupos emerxentes da contorna de Ames.

Esta mañá, a Casa da Cultura do Milladoiro acolleu a presentación da décima edición do festival Millarock, que terá lugar o venres 30 de xullo na mesma localidade, na Travesía do Porto. A rolda de prensa contou coa presencia da concelleira de Cultura e Tecnoloxías da Comunicación, Natividade González, Francisco Gómez Seijo, de COPRA Contrataciones y Producciones Artísticas, Torres, baixista de Terbutalina e Barbas, guitarrista do grupo Desequilibrio Mental.

A concelleira de Cultura e Tecnoloxías da Comunicación, Natividade González, aproveitou a ocasión para louvar o cartel deste ano “este X Millarock é fiel ao seu espírito ao congregar grupos da comarca, rock en galego e mulleres”. A concelleira destacou, ademais, que o festival volve, tras un ano de paro pola COVID-19, máis forte ca nunca pois segundo palabras de Natividade González “o rock nunca morre”. Afirmou, tamén, que “O Millarock nunca defrauda, polo seu escenario pasaron ao longo deste anos máis de 40 grupazos”.

Dende a organización, Francisco Gómez, incidiu na importancia de transmitirlle seguridade aos asistentes pois o evento vai cumprir con todas as medidas sanitarias. Aínda así, dixo “non imos quedar na casa, hai que vir ao Milladoiro a desfrutar do rock porque aquí en Ames soa mellor”.

Na presentación tamén estivo un representante do grupo muradá Terbutalina. Segundo Torres, o baixista de Terbutalina, as medidas sanitarias non van impedir que os asistentes desfruten do concerto “somos un grupo que sorprende cos seus directos, imos facer que a xente baile na cadeira, que cante e que o pase o mellor posible”.

Dende Compostela achegouse Barbas, guitarrista de Desequilibro Mental. O membro desta banda galega asegurou que Desequilibrio Mental nos vai facer esquecer a COVID “están programados tres bolazos e os que veñan vano pasar caralludo”.

O cartel conta, ademais, con Bala. A banda galega nacida en 2014 acode ao X Millarock co seu recentemente presentado albume “Maleza”.

As persoas que queiran gozar deste X Millarock xa poden sacar as súas entradas na billeiteira premendo a seguinte ligazón.

Este evento musical xurdiu, hai quince anos, co obxectivo de promocionar o rock galego e impulsar a grupos emerxentes da contorna de Ames. Ao longo deste tempo pasaron polo Milladoiro grupos coma Heredeiros da Cruz, Cuarta Xusta, Astarot ou Ruxe Ruxe.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Bala, o grupo referente no punk español, actuará este ano no Festival Millarock"

Revista AMESGO: "Desequilibrio Mental, Terbutalina e Bala, estrelas do décimo Millarock"

 

Presentación X Millarock

Multimedia

  • Cartel X Millarock
  • Presentación X Millarock