- Tematica
Coa chegada das vacacións de verán, a Concellaría de Educación de Ames puxo en marcha do 23 ao 30 deste mes o programa de conciliación Xuño Lúdico. Ao longo desa semana, os 146 nenos e nenas que participan no programa, 65 deles no CEIP da Maía, de Bertamiráns, 44 no EEI Milladoiro e 37 no CEP de Ventín, realizan diversas actividades centradas na educación da diversidade sexual e os roles de xénero. Esta iniciativa ofrece un amplo abano de actividades educativas e culturais pensadas para os cativos/as de aquelas familias que precisen conciliar a súa vida familiar e laboral unha vez rematado o curso escolar.
O Xuño Lúdico 2021 ten como obxectivo que os nenos e nenas coñezan diferentes realidades familiares e distintas maneiras de concibir os roles de xéneros.
Os canons sociais e culturais establecen uns determinados comportamentos propios de “mulleres” ou de “homes” como poden ser maior dozura, intuición, submisión ou sensibilidade nas mulleres ou agresividade, eficacia, tenacidade, seguridade e autoridade no caso homes. Tamén na configuración familiar podemos ver este condicionamento cos roles que cumpre cada un dos membros da mesma, os coidados, a súa composición.
Para transmitirlle esta información de maneira lúdica e adaptada a idade, os nenos e nenas recibiron a visita de habitantes de diferentes planetas que representaban familias de diversidade sexual: monoparentais, homoparentais, tradicionais, con fillos ou fillas doutras relacións...O alumnado pouido facer comparativas entre os modelos de familias “tradicionais” e os diversos tipos de familia que poden existir e que, probablemente, estean presentes no seu contorno máis próximo. A través destas visitas reflexionouse sobre o concepto e familia, xénero e coidados
O Xuño Lúdico permite que as familias inscriban ás crianzas en función das súas necesidades de conciliación, ofertando tamén un servizo de almorzo, que comeza ás 7.30 horas, e outro de xantar, cuxas usuarias e usuarios deberán ser recollidos antes das 16.00 horas. O horario das actividades irá das 9.00h ás 14.30 horas. Desta maneira, as familias poderán combinar servizos e horarios segundo precisen. As monitoras e monitores coidarán das cativas e cativos en todo o momento. Aquelas nenas ou nenos con necesidades especiais contarán coa atención individualizada dun monitora ou monitor durante todo o programa.
Novas relacionadas:
Revista AMESGO: "Verán de tolerancia para os máis novos de Ames"