Pestanas principais

Garda Civil e Policía Local reúnense co goberno para artellar un novo dispositivo de vixilancia

Sábado, 10 de xullo de 2021

O alcalde de Ames, Blas García, e o concelleiro de Seguridade Cidadá, Víctor Fernández, reuníronse onte pola tarde coa Garda Civil e a Policía Local para estruturar un novo dispositivo de vixilancia. O operativo ten como obxecto controlar o ocio nocturno e os espazos abertos ante o incremento de casos de COVID-19 no Concello de Ames.

O tenente da Garda Civil, Ricardo Carballeda e o suboficial da Policía Local, Maximino García reuníronse onte pola tarde co alcalde de Ames, Blas García e o concelleiro de Seguridade Cidadá, Víctor Fernández para estudar a normativa e as limitacións decretadas pola Xunta e artellar un dispositivo de vixilancia para controlar o ocio nocturno e os espazos abertos coma parques e xardíns.

Previa a esta xuntanza o rexedor municipal anunciou o peche do espazo do Pazo da Peregrina e os seus xardíns dende as 22.00 horas ata as 7.00 horas, para así impedir que nese lugar se creen agrupacións de persoas de difícil control e se evite a xeración de ruídos en horario de descanso. Deste xeito, dentro do horario de peche, de 22.00 horas ata as 7.00 horas, tan só se poderán levar a cabo actividades que conten coa autorización previa por parte do Concello de Ames.

Estas medidas foron motivadas polo incremento do número de casos no Concello de Ames. Segundo se traslada dende a Xerencia da Área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza o número de casos activos por Covid-19 en Ames é de 35. A incidencia acumulada a 7 días é de 44 casos, mentres que a incidencia acumulada a 14 días é de 106 casos.

Unha vez máis incídese en que é preciso que cada un/unha de nós actuemos con responsabilidade. Sigamos cumprindo de xeito estrito todas as medidas de prevención da Covid-19. Lémbrase que o uso da máscara e o mantemento da distancia de seguridade interpersoal é obrigatoria. Para máis información ou resolver dúbidas pódese chamar ao número de teléfono 673 73 90 11 ou enviar un correo electrónico ao enderezo gabinete@concellodeames.gal.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Nuevo dispositivo de vigilancia en Ames para controlar espacios y ocio nocturno"

El Correo Gallego: "Ames incrementa a vixilancia nas zonas de ocio e os espazos abertos"

Revista AMESGO: "Os xardíns do Pazo da Peregrina, pechados á noite"

 

 

Garda Civil e Policía Local reúnense co goberno