Pestanas principais

Cerca de 300 rapaces e rapazas participan na primeira quincena de xullo da Escola de Verán

Luns, 12 de xullo de 2021

O xoves 1 de xullo comezou unha nova edición da Escola de Verán, que este ano se desenvolve no CEIP da Maía, no CEP de Ventín e na EEI do Milladoiro. Durante a primeira quincena deste mes de xullo, 279 alumnos e alumnas están participando nos Xogos Olímpicos Intergalácticos de Ames 2021, cos que aprenden sobre o deporte inclusivo.

A Escola de Verán deste ano pretende transmitirlle aos nenos e nenas a importancia da integración no ámbito do deporte. Para iso, o programa de conciliación presentouse ao alumnado a celebración dos Xogos Olímpicos Intergalácticos de Ames 2021. Nesta competición participan todos os planetas do noso sistema galáctico coas súas particularidades xa que as criaturas que habitan cada un dos planetas teñen diferentes formas físicas e capacidades a ter en conta.

Aurelio de Marte e Sara Tentáculos, en representación da organización dos xogos, visitarán ao alumnado para organizar os Xogos en cada un dos centros. Presentarán os Xogos Intergalácticos aos nenos e nenas así como os valores e o espírito deportivo que representan. Trasladarán aos nenos e nenas o importante labor que teñen por diante xa que os xogos deberán estar adaptados á ampla variedade de seres que habitan os diferentes planetas da galaxia.

O primeiro paso será establecer os valores que rexerán os xogos a través da elaboración do mural conxunto de principios do deporte intergaláctico. Estes valores deberán ter en conta todas as peculiaridades dos seres que participen nos Xogos. Así mesmo, elaborarán a mascota dos xogos que representará estes valores e o logotipo dos mesmos.

En pequenos grupos, os nenos e nenas serán quen se encargue de levar a cabo os traballos dos preparativos incluíndo os deportes que se incluirán, a música, a inauguración e clausura do acto.

Os xogos acollerán as diferentes disciplinas: relevos, coordinación musical, non competitivos, forza, saltos... Crearase un contexto propicio o desenvolvemento integral dos nenos e nenas así como unha vontade inclusiva ofrecendo propostas adaptadas ás súas necesidades co obxectivo de mellorar a súa autoestima e motivación. Cada unha destas propostas presentarase aos nenos e nenas en forma de xogos, xincanas e dinámicas grupais.

En canto á participación, durante a primeira quincena do mes de xullo, hai 279 nenos e nenas que están participando na escola de Verán. Divididos por centros, no CEIP da Maía participan 147 nenos/as; na EEI Milladoiro hai 70 rapaces e rapazas inscritos/as; e no CEP de Ventín participan 62 cativos/as.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "O deporte inclusivo mailos Xogos Olímpicos chegan a Escola de Verán de Ames"

 

Escola de Verán

Multimedia

  • Escola de Verán
  • Escola de Verán
  • Escola de Verán
  • Escola de Verán
  • Escola de Verán
  • Escola de Verán