Pestanas principais

Ramón Lorenzo será o protagonista do acto Día de Galicia do Concello de Ames

Xoves, 22 de xullo de 2021

O Concello de Ames quere neste ano 2021 recoñecer a traxectoria do catedrático e cofundador do Instituto da Lingua Galega, Ramón Lorenzo, cunha recepción oficial. Será no transcurso do acto de celebración do Día de Galicia en Ames que terá lugar o luns 26 de xullo a partir das 20:30 no Pazo da Peregrina. Ao acto asistirá a corporación municipal e falarán os voceiros dos grupos políticos con representación municipal. A música correrá a cargo do Grupo Barahúnda.

O acto do Día de Galicia en Ames que se celebrará o luns 26 de xullo a partir das 20:30 no Pazo da Peregrina, ten este ano como protagonista ao estudoso da lingua galega, Ramón Lorenzo. O catedrático estará acompañado pola súa familia. Especialmente emotivo será o momento en que a súa filla e o seu neto pronuncien unhas verbas.

Ramón Lourenzo naceu en Eirapedriña, na parroquia amesá de Bugallido, onde comezou unha vida dedicada ao estudo e á defensa da lingua galega. Ramón Lorenzo é membro da Real Academia Galega, cofundador do Instituto da Lingua Galega e catedrático da Universidade de Santiago, o que o converte nun dos máis destacados coñecedores da lingua e literatura galega. O seu compromiso e entrega co noso país valéronlle para facerse con varias distincións e recoñecementos, entre os que, destaca o premio Trasalba que outorga a Fundación Otero Pedrayo, o Premio Brais Pinto ou a distinción como Galego Egrexio da Fundación Premios da Crítica Galicia.

O acto do Día de Galicia contará, ademais, coa presenza do alcalde, dos membros da corporación municipal e dos voceiros de cada un dos grupos con representación no concello.
Ao longo do acto sucederanse as actuacións musicais do Grupo Barahunda. O dúo formado pola voz de Helena de Alfonso e a guitarra de José Lara Gruñeiro encherá o Pazo da Peregrina de vellos poemas, textos de cantigas e composicións propias.

Tras a intervención institucional de cada un dos grupos municipais o Grupo Tradicional Os Retranqueiros de Ames será o encargado de poñerlle fin ao acto do Día Nacional de Galicia coa interpretación do Himno galego.

O Concello de Ames quere con este acto unirse á celebración do Día de Galicia, quere amosar que estamos orgullosos da nosa terra, da nosa lingua, da nosa cultura, da nosa idiosincrasia e quere que ese orgullo se faga extensible a todos os días do ano.

Novas relacionadas:

Revista AmesGO: "O Día de Galicia en Ames recoñece o catedrático Ramón Lorenzo"

El Correo Gallego: "Ames premia a Ramón Lorenzo Vázquez"

Día de Galicia

Multimedia

  • Cartel do Día de Galicia