Pestanas principais

O Canta con Ames chega a semifinais este mércores

Mércores, 28 de xullo de 2021

O concurso, organizado pola concellaría de Promoción Económica, leva as semifinais á praza de Manuel Murguía, no Milladoiro, en plena celebración da festividade da Madalena. Será ás 18:30 deste mércores 28 de xullo cando vinte concursantes, cada un na súa categoría correspondente, compitan por converterse nas mellores voces do verán.

O Canta con Ames prosegue o seu camiño na procura dos mellores e das mellores cantantes. Tras dúas xornadas de preselección son 20 as voces que pasan a semifinais.

Entre os semifinalistas do Canta con Ames encontramos 14 participantes do Concello de Ames, 2 do veciño Concello de Negreira e un representante dos concellos de Carballo, Padrón, Cee e Vilagarcía de Arousa respectivamente.

Nesta fase de semifinais cada cantante interpretará unha canción enteira, ou segmento, en galego, castelán ou inglés. Desta xornada sairán 6 seleccionados, dous por categoría, que pasarán á fase final.

A actriz, presentadora e veciña de Ames, María Mera, será a encargada de presentar as semifinais do Canta con Ames. Esta fase contará, ademais, coa presenza de Ángel Tames Andul, Inés Suárez Rey e María Eva Sebe García, xurado do Canta con Ames.

O xurado, composto por profesionais do mundo da música, avaliará os seguintes criterios: harmonía, ritmo, afinación, dominio da escena e interpretación. Tendo en conta os criterios de avaliación, cada persoa do xurado, poderá outorgar a cada participante de 1 a 10 puntos por actuación.

Entre os/as participantes que non pasen á final sortearanse vales para gastar no comercio e na hostalaría local. Farán entrega dos vales doados polas asociacións de comerciantes do concello Jorge López, Presidente de XEA, María Perfecta González, membro da directiva da asociación Palmira bulevar e Salomé Blanco en representación do Parque Empresarial Novo Milladoiro.

A final
O parque do Ameneiral, en Bertamiráns, acollerá o 7 de agosto a final do concurso coincidindo coa celebración das festas da Peregrina. Os aspirantes interpretarán dous temas de diferente estilo musical. Todos os participantes da final levarán como premio un trofeo, unha cesta natural e un vídeo do seu paso polo concurso. Aos/ás semifinalistas de cada categoría outorgaráselles tamén un cheque de 30 euros para investir no comercio local. Os gañadores/as obterán un cheque de 100 euros, tamén para gastar no comercio local e a posibilidade de cantar nas prebadaladas de fin de ano.
Nesta fase final será onde os participantes poderán interpretar os temas enteiros, sempre que non superen os 4 minutos. Os gañadores daranse a coñecer o mesmo día da final.

O Canta con Ames chega a semifinais

Multimedia

  • O Canta con Ames chega a semifinais
  • O Canta con Ames chega a semifinais
  • O Canta con Ames chega a semifinais
  • O Canta con Ames chega a semifinais