Pestanas principais

O alcalde de Ames visitou a recentemente rematada senda peonil de Sisalde

Xoves, 29 de xullo de 2021

O alcalde de Ames e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, xunto co concelleiro do Rural, Santiago Márquez, achegouse á senda peonil que une Sisalde co Agro do Muíño para coñecer o resultado dos traballos realizados. A obra, adxudicada por 99.601,74 euros, xa está rematada. Esta actuación é unha aposta do Concello de Ames por mellorar a seguridade viaria nun tramo moi utilizado para a práctica do deporte e o paseo dos veciñas e veciños da contorna.

Moitas persoas afeccionadas a camiñar ou a correr adoitan facelo por este tramo que une a aldea de Sisalde co CEIP de Agro do Muíño, na parroquia de Ortoño. Esta nova senda facilita a mobilidade peonil e mellora a seguridade viaria.

Para o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, “esta obra é un paso moi importante para a seguridade viaria porque esta zona é moi transitada polos veciños e veciñas que van ao colexio e tamén porque forma parte da coñecida como ruta do colesterol que sae de Bertamiráns ata a depuradora; e que con esta nova senda pode ampliar o seu percorrido ata a aldea de Sisalde sen correr o risco de facelo por estrada” e engadiu “este tipo de sendas teñen, ademais, unha dobre función pois ao ser unha carreteira estreita cando se atopan dous vehículos pode ser empregada polos coches evitando así o risco de accidentes”.

Segundo ao alcalde de Ames este tipo de sendas peonís axuda, ademais, a manter as cunetas limpas e a canalizar as augas pluviais o que repercute nun mellor mantemento das estradas.

O alcalde de Ames, Blas García, aproveitou o acto de recepción da obra para anunciar que o vindeiro ano se procederá a iluminar esta senda peonil con cargo aos orzamentos do 2022, pois as obras xa deixaron canalizada a tubería necesaria para a súa posterior realización. Engadiu, ademais, que nunha seguinte fase procedería continuar a senda peonil polo interior da aldea de Sisalde ata o límite do Concello de Brión.

A obra, que amosa a preocupación do Goberno municipal pola seguridade viaria e peonil, únese a outros dous proxectos para a creación de sendas peonís: o de Coira a Ventín, na parroquia de Biduído e o do Outeiro a Costoia, na parroquia de Bugallido.

Detalles da obra
A senda peonil que une Sisalde con Agro do Muíño terá unha lonxitude de 750 metros de lonxitude e unha anchura de 1,80 metros. Na súa construción utilizáronse quince centímetros de zahorra de canteira e quince de formigón, ademais de mallazo e xuntas de dilatación.

Previo ao pavimento, procedeuse a canalizar con tubería de PVC de 315 milímetros de diámetro, a realizar 26 pozos con sumidoiro para unha correcta recollida de augas pluviais e a canalizar cun tubo de polipropileno verde para iluminación pública, todo elo previa escavación de zanxa e posterior recheo compactado da mesma.

Ademais, construíuse un muro de bloques de granito de 120 metros de lonxitude e 1,50 metros de alto, para a contención de terras, coa correspondente varanda metálica de protección. A obra tamén contemplou a colocación de 220 metros de bordo exterior de formigón prefabricado, en protección de taludes.

Nesta obra, incluída no POS complementario do ano 2019 da Deputación da Coruña, tamén está previsto soterrar a liña telefónica e a retirada dos postes, xa que existían máis dunha ducia de postes que estaban colocados no medio da senda e dificultaban o paso. Unha tarefa que ten realizar a propia empresa de telefonía.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "A senda peonil de Sisalde protexerá aos nenos do colexio de Agro do Muíño"

Revista AmesGO: "A senda peonil de Sisalde a Agro do Muíño contará con iluminación desde 2022"

O alcalde de Ames visita a senda peonil de Sisalde

Multimedia

  • O alcalde de Ames visita a senda peonil de Sisalde
  • O alcalde de Ames visita a senda peonil de Sisalde
  • O alcalde de Ames visita a senda peonil de Sisalde