Pestanas principais

Novas medidas en Ames, que pasa ao nivel alto de restricións pola Covid-19

Venres, 30 de xullo de 2021

O aumento de casos de COVID-19 rexistrado nas últimas xornadas fai que o concello de Ames pase, desde as 00:00 horas deste sábado, 31 de xullo, ao nivel alto de restricións tal e como decretou a Xunta de Galicia no DOGA do 29 de xullo de 2021. As novas medidas afectan ao ámbito da hostalaría xa que, pese a manter o aforo limitado ao 50% no interior e exterior dos locais, esixirá para acceder ao interior a presentación do certificado de vacinación coa pauta completa, acreditar unha proba negativa de Covid-19 nas últimas 72 horas, ou presentar un documento que garanta que o a persoa pasou a Covid-19 nos últimos seis meses. Poden consultar aquí todas as medidas adoptadas pola Xunta de Galicia que afectan ao Concello de Ames na actualidade.

O Goberno de Ames lembra á cidadanía que o concello pasa ao nivel de restricións alto e as normas de cumprimento obrigatorio que hai que seguir mantendo para loitar contra a COVID-19. A normativa actual obriga a que os grupos non superen un máximo de 6 persoas en espazos pechados e de 10 en espazos abertos ou ao aire libre, sexan de uso público ou privado, agás que se trate de conviventes, ou agás que os encontros se produzan exclusivamente entre persoas de dúas unidades de convivencia diferentes.
Entre a 1.00 e as 6.00 horas, a permanencia de grupos de persoas en espazos pechados e en espazos abertos ou ao aire libre, sexan de uso público ou privado, quedará limitada aos constituídos exclusivamente por persoas conviventes.

Medidas na hostalaría

Os establecementos, tanto bares como restaurantes poderán prestar servizo co 50% da capacidade máxima permitida tanto no interior como nas terrazas. As barras continúan pechadas. O acceso ao interior dos locais requirirá da presentación dun certificado de ter recibida a pauta completa de vacinación emitido polo SERGAS, dun test negativo emitido polo Servizo Galego de Saúde ou polos laboratorios que figuran na lista de test rápidos de antíxenos da COVID-19 do Consello de Europa ou de ter superado a COVID-19 nun período non superior aos 180 días.
En todo caso, deberá asegurarse que se mantén a debida distancia de seguridade interpersoal entre as mesas e a ocupación máxima será de 6 persoas no interior e 10 persoas na terraza.

O horario de peche ao público será ás 23.00 horas. Os establecementos que dispoñan de medidor CO2 poden ampliar o seu horario ata a 1.00 horas.

Establecementos de lecer e de ocio
As salas de festas, discotecas, pubs e cafés-espectáculo poderán prestar unicamente servizo nas terrazas ao aire libre co 50% da capacidade máxima permitida.
En todo caso, deberá asegurarse que se mantén a debida distancia de seguridade interpersoal entre as mesas. A ocupación máxima será de dez persoas por mesa.
O horario máximo de peche dos establecementos de lecer nocturno será ás 01:00 horas.

Instalacións deportivas
Nas instalacións e nos centros deportivos pechados poderase realizar actividade deportiva en grupos de ata 6 persoas, sexan ou non conviventes, sen contar o monitor, coa utilización da máscara e sempre que non se supere o 50% da capacidade máxima permitida.
A práctica da actividade física e deportiva non federada, ao aire libre, poderá realizarse de forma individual ou colectiva, coa utilización da máscara.
Tamén se permite o uso deportivo das piscinas ao aire libre ou cubertas, cunha ocupación máxima do 50 %.

Espectáculos musicais/artísticos ao aire libre
Só se permiten os espectáculos con público sentado. Este tipo de eventos non poden superar o 50% da capacidade permitida, cun límite máximo de 2.500 persoas.

Establecementos de actividades recreativas
Os establecementos de xogos colectivos de diñeiro e de azar, salóns de xogo, ou similares poderán realizar a súa actividade sempre que non se supere o 50% da súa capacidade permitida.

Para o acceso ao interior dos locais requirirase a presentación do certificado de vacinación coa pauta completa, acreditar unha proba negativa de COVID-19 nas últimas 72 horas, ou presentar un documento que garanta que o a persoa pasou a COVID-19 nos últimos seis meses.

A ocupación máxima será de 6 persoas por mesa e deberá asegurarse que se mantén a debida distancia de seguridade interpersoal entre as mesas. O horario de peche ao público será ás 23.00 horas. Os establecementos que dispoñan de medidor CO2  poderán ampliar o seu horario ata a 1.00 horas.

 

Novas medidas COVID-19