- Tematica
O cribado solicitado o luns polo alcalde de Ames, Blas García, á Xerencia Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza non se fixo agardar. Esta mesma mañá a Xerencia sanitaria anunciaba a instalación, este sábado 7 de agosto, dun punto móbil no Centro de Saúde de Bertamiráns. O cribado vai dirixido a 1900 aos mozos e mozas de entre 16 e 29 anos que residen no concello e aos que van citar a través dunha mensaxe de móbil nos próximos días. O cribado masivo vaise realizar ao longo da mañá do sábado.
O pasado luns o alcalde de Ames, Blas García, púxose en contacto coa Xerencia Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza para solicitar a instalación dun punto móbil para realizar un cribado entre os mozos e mozas do concello. O alcalde alegaba na súa solicitude a situación de restrición en que se atopa agora mesmo o concello e que son moitas as veciñas e os veciños que non recibiron a vacina e, polo tanto, non podían acceder ao interior dos locais da hostalaría. Tres días despois a Xerencia Sanitaria dá resposta a esa solicitude anunciando a instalación dun cribado, este sábado 7 de agosto, no Centro de Saúde de Bertamiráns.
O cribado vaise realizar ao longo da mañá do sábado en Bertamiráns. Nos vindeiros días 1900 mozos e mozas do concello van ser citados a través dunha mensaxe de móbil para acudir a esta proba. Este cribado masivo está dirixido aos mozos e mozas de entre 16 e 29 anos. A proba vaise realizar a través dun test de antíxenos, unha proba que de xeito rápido e eficaz detecta a presenza ou non do virus da COVID-19. A toma da mostra realízase insertando un hisopo na nariz para recoller secrecións nasais. O tempo para obter resultados é duns 15 minutos. As persoas que acudan a realizar o test terán que presentar unicamente a tarxeta sanitaria.
A día de hoxe o número de casos activos por COVID-19 en Ames é de 197. O concello está dende o pasado sábado no nivel alto de restricións. Esta situación esixe para acceder ao interior dos locais de hostalaría a presentación do certificado de vacinación coa pauta completa, acreditar unha proba negativa de COVID-19 nas últimas 72 horas, ou presentar un documento que garanta que o a persoa pasou a COVID-19 nos últimos seis meses. Coa realización desta proba masiva serán moitos os mozos e mozas que poidan acreditar que non padezan a enfermidade e, polo tanto, acceder aos locais de hostalería. O cribado servirá, ademais, para detectar asintomáticos o que vai redundar no control da enfermidade no concello de Ames.
Cribado en Santiago
Recórdase tamén desde o concello que aquelas persoas que de xeito voluntario queiran realizar un cribado e non sexan chamados para este sábado poden acudir á unidade móbil que de xeito permanente está instalada no Auditorio do Campus Sur de Santiago de Compostela de 9 da mañá a 9 da tarde.
Novas relacionadas:
Revista AmesGO: "Cribado no Centro de Saúde de Bertamiráns este sábado, día 7"
Compostela 24Horas: "Convocado un cribado este sábado en Ames para xóvenes de 16 a 29 años"