Pestanas principais

Abre o prazo para preinscribirse nas Escolas deportivas do curso 2021-2022

Venres, 17 de setembro de 2021

O luns, 20 de setembro, abre o prazo de preinscrición na nova programación das Escolas deportivas do Concello de Ames para o curso 2021-2022. O prazo de preinscrición estará aberto ata o día 26 de setembro. A xestión realizarase telematicamente a través da plataforma Cronos. Nas actividades que haxa máis preinscricións que prazas ofertadas, realizarase un sorteo o 27 de setembro. A listaxe de admitidos publicarase o 29 de setembro na páxina web do Concello de Ames. Ademais, cada persoa só poderá inscribirse nunha escola deportiva.

O programa das Escolas deportivas para o curso 2021-2022 xa está pechado. As actividades organizadas pola Concellaría de Deportes do Concello de Ames en colaboración coa Deputación da Coruña volverán o luns 11 de outubro de 2021 e rematarán o xoves 30 de xuño de 2022. Preme nesta ligazón para coñecer en detalle as instrucións de preinscrición e mailas actividades ofertadas.

Este curso as Escolas deportivas contan na categoría de formación deportiva con ballet, baloncesto, fútbol sala feminino, fútbol sala mixto, judo, natación, patinaxe, predeporte, squash, tenis, voleibol, xadrez e ximnasia rítmica. Os maiores de 14 anos poderán inscribirse en: adestramento funcional; ioga; aerozumba; gap: pilates; spinning, abdominais, glúteos e ximnasia de mantemento.

As tarifas para o curso completo son de 48 euros para os maiores de 18 anos e de 32 euros para os menores de 18 anos. No caso do segundo membro da unidade familiar serían 16 euros e no dun terceiro membro e seguintes de 8 euros.

Preinscrición
O prazo de inscrición é do do 20 ao 26 de setembro. E realizarase unicamente a través da plataforma Cronos. Para poder inscribirse é necesario darse de alta seguindo as indicacións da propia plataforma. No caso dun/dunha menor, primeiro deberá de darse de alta o pai, nai ou titor como titular e despois darase de alta o/a menor como beneficiario/a (prema para ver as instruccións a seguir).  A inscrición xerará un número de rexistro que será o número co que se identifique a persoa inscrita na listaxe xerada polo resultado do sorteo.

Se existisen máis solicitudes que prazas, a adxudicación realizarase por sorteo. Este celebrarase o luns 27 de setembro. Ademais, cada persoa só poderá inscribirse nunha escola deportiva e non se permitirá a inscrición en máis dun grupo da mesma actividade.

Para máis información sobre as actividades deportivas pódese chamar aos números de teléfono 619 842 504 e 981 535 940. Outra opción é enviar un correo electrónico aos enderezos:deportes@concellodeames.gal e deportes.milladoiro@concellodeames.gal

Método de pagamento
 Unha vez publicada a listaxe de admitidos na páxina web municipal o 29 de setembro, as persoas que obtiveran praza deben solicitar a folla de autoliquidación nas Oficinas de Recadación.

Este trámite poderá realizarse a través do correo electrónico ames@canaltributos.com, chamando ao número de teléfono 981 88 48 96 ou realizar a autoliquidación a través da Oficina Virtual Tributaria do Concello (non precisa certificado electrónico) premendo na opción de “pagar taxas”. Outra opción é acudir de xeito presencial ás oficinas da praza Horta de Abaixo, nº 6 en Bertamiráns ou na rúa Viorneira, nº 6 no Milladoiro.

Unha vez feita a autoliquidación non é preciso entregar o resgardo de pagamento, dado que este chega automaticamente. Se non se realiza o pagamento no prazo establecido, a preinscrición quedará anulada.

Inscrición ao longo do curso
Cada mes sacarase unha listaxe coas prazas libres e estas iranse cubrindo por orde de solicitude. Neste caso, o alumnado inscrito nunha actividade poderá matricularse noutra na que quedasen prazas libre. No suposto de inscricións unha vez comezado o curso, o importe da cota será o resultante de multiplicar a tarifa mensual (incluído o mes da propia inscrición), polo número de meses que restan para rematar o curso.

Baixas
No caso de baixa, estas deberán tramitarse por escrito. A cota poderá devolverse en supostos de baixa por forza maior (enfermidade acreditada). Se o alumno/a non acode á clase durante un mes seguido e non xustifica por escrito dita ausencia, poderá darse de baixa de oficio e ofrecerlle a praza a outra persoa.

Medidas de seguridade fronte a Covid-19
Cumprirase, en todo momento, coas normas hixiénico-sanitarias. Entre as que destacan: nas actividades deportivas en que se precise o uso de esteira cada usuario/a deberá levar a súa propia. Con carácter xeral, non se compartirá ningún material.

O uso de máscara será obrigatorio segundo a normativa vixente en cada momento. Será obrigatorio limpar as mans cos dispensadores de xel hidroalcólico á entrada e á saída das actividades.

Non está permitido utilizar os vestiarios das instalacións deportivas e os efectos persoais só se poderán deixar nos espazos habilitados para este fin.

E non poderán acceder á actividade as persoas con síntomas compatibles coa COVID-19.

Pódense consultar en detalle as normas de protección ante a COVID-19 que se van levar a cabo nas escolas deportivas premendo nesta ligazón.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Ballet, zumba ou pilates nas escolas deportivas"

Abre o prazo para preinscribirse nas Escolas deportivas do curso 2021-2022

Multimedia

  • Folleto das Escolas Deportivas
  • Folleto das Escolas Deportivas
  • Folleto das Escolas Deportivas