Pestanas principais

Adxudicadas as obras de reparación e mellora das Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro

Martes, 28 de setembro de 2021

A Xunta de Goberno Local adxudicou a realización das obras de reparación e mellora das Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro á empresa Área Proyección, Construcción e Servicios S.L.U. Este contrato ten un orzamento de 96.800 euros e está sufragado con cargo ao POS+ 2020.

O Concello de Ames vai mellorar as instalacións dos dous centros socio culturais que posúe o concello e onde ao longo do ano se realizan numerosos espectáculos e eventos culturais e doutra índole. As obras de mellora están encamiñadas a mellorar vestíbulo, escaleiras e backstage, entre outros, así como a instalación dunha nova iluminación.

A Xunta de Goberno Local adxudicou o contrato das obras de reparación e mellora á empresa Área Proyección, Construcción e Servicios S.L.U. A contía das obras ascende a  96.800 euros IVE incluído. A duración inicial do contrato é de 4 meses.

Melloras na Casa de Cultura do Milladoiro
Na Casa da Cultura do Milladoiro vaise dotar o vestíbulo de entrada dun novo alumeado.  No proxecto propóñense tres sistemas de alumeado alternativos: un xeral a base de luminarias pendulares; un específico para exposicións e eventos que se poidan realizar neste vestíbulo, a base de proxectores orientables sobre carril electrificado; e un alumeado indirecto a base de tiras LED con posibilidade de modificar a cor da luz en función das necesidades.

Por outra banda, vaise substituír as varandas existentes na primeira planta do auditorio para mellorar a circulación e a visión. Vaise colocar unha nova de vidro, sobre un perfil continuo en forma de “U”, de aliaxe de aluminio, acabado lacado, de 110 centímetros de altura, e con vidro laminar temperado formado por dúas lúas de 8 milímetros de espesor, unidas por dúas láminas incoloras de butiral de vinilo.

Tamén se van realizar melloras nos despachos existentes no edificio da Casa da Cultura do Milladoiro e na sala de usos múltiples. Colocaranse estores de 180 centímetros de altura para evitar o reflexo da luz nas pantallas dos ordenadores e facilitar o traballo do persoal municipal. Ademais, nas ventás dos despachos e da sala de usos múltiples que teñen unha lámina adhesiva de protección solar, eliminarase dita lámina, que está en mal estado, e colocarase no seu lugar unha lámina adhesiva transparente de control solar. Por último, pintaranse as paredes do edificio.

Melloras na Casa de Cultura de Bertamiráns.
No caso da Casa de Cultura de Bertamiráns, preténdese levar a cabo varias actuacións, consistentes no cambio do alumeado do auditorio, das balizas das escaleiras, cadro de acendidos, proxectores LED de 13w e luminarias tipo regleta de luz suave de 58w. Ademais, vanse substituír todas as portas interiores por unhas novas. En todas estas portas colocarase o rótulo correspondente ao espazo ao que se accede.

No distribuidor da planta primeira, substituirase o pavimento por un novo de vinilo heteroxéneo de 2 milímetros de espesor. Tamén se substituirá o falso teito, o alumeado por luminarias de 60x60 centímetros LED e os rodapés. Nas escaleiras de acceso á primeira planta, substituirase o pavimento existente por un novo a base de pezas de gres porcelánico.

Por último, na zona de acceso lateral ao escenario do auditorio vaise reorganizar o espazo executando as divisións precisas para ter un almacén, unha zona de acceso ao escenario e unha sala de lactancia, que contará cun cambiador para bebés. Dito cambiador tamén se instalará nas instalacións da Casa da Cultura do Milladoiro. Tamén se van pintar as zonas de vestíbulo da planta baixa, do distribuidor da planta primeira, así como da zona das escaleiras.

A concelleira de Cultura Natividad González,  explica que “é moi necesario mellorar as instalacións dos equipamentos culturais do concello. As Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro son empregadas para realizar moitos eventos culturais ao longo do ano, por iso é preciso, que se vaian renovando. No POS+ 2020 decidimos dedicar máis de 100.000 euros a reparar estas dúas instalacións municipais co obxectivo de que presten un mellor servizo á veciñanza de Ames”.

Novas relacionadas

La Voz de Galicia: "Adjudican obras en las casas de cultura de Ames"

El Correo Gallego:"Revolucionan luminarias, ‘backstage’ y los accesos a las casas de la cultura"

Revista AmesGo:"Próximas melloras nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro"

Casa da Cultura do Milladoiro

Multimedia

  • Casa da Cultura do Milladoiro
  • Casa da Cultura do Milladoiro
  • Casa da Cultura do Milladoiro
  • Casa da Cultura do Milladoiro
  • Casa da Cultura de Bertamiráns