Pestanas principais

O pleno debaterá a creación do Consello Sectorial de nenos e nenas

Mércores, 29 de setembro de 2021

A creación dun Consello Sectorial de Nenos e Nenas no que participe o alumnado de 1º a 6º de primaria será debatida pola corporación municipal de Ames no pleno do 30 de setembro de 2021. Ademais, na mesma sesión ordinaria, tratarase a posible prórroga do contrato de concesión do Centro Deportivo Municipal A Telleira, logo de que a empresa pedise o restablecemento do equilibrio económico do contrato de concesión durante o período no que o seu desenvolvemento se viu alterado pola Covid-19. Incluír un camiño en Barouta e outras obras no Plan POS Adicional 2/2021 e resolver un expediente de investigación patrimonial nun camiño do lugar de Oca completan a orde do día da sesión plenaria. O pleno retransmitirase vía streaming.  

O pleno do mes de setembro celebrarase de xeito mixto. O alcalde e os portavoces dos grupos municipais estarán presentes no Salón de actos do Concello onde está previsto que a sesión comece ás 20:30 do xoves, 30 de setembro. O resto dos concelleiros/as participarán na sesión  a través da rede.

Consello sectorial de nenos e nenas
De saír adiante a proposta da concellaría de Benestar Social, Ames contará cun Consello sectorial de nenos e nenas, un órgano de participación que permitirá dar voz e coñecer de primeira man as inquedanzas dos/as menores de Ames. A proposta de regulamento que o grupo de goberno leva ao pleno ditamina que serán nove os vogais de representación infantil, elixidos entre o alumnado dos Centros Escolares de Ames de  entre 6 e 12 anos; tamén formarán parte, un representante de cada grupo político con representación municipal. En ámbolos dous casos, cada participante terá un suplente. A presidencia do consello será exercida polo alcalde ou a/o concelleira/o no que delegue e a secretaría por persoal técnico da concellería competente en materia de infancia.

A representación dos nenos e nenas nunca será inferior á representación política, incrementándose, cando fora preciso, no grupo de 4º a 6º de educación primaria. Os representantes dos nenos e nenas renovaranse ao longo do mes de outubro de cadacurso escolar. Por outra banda, solicitarase de UNICEF o nomeamento dunha persoa en calidade de asesor/a permanente deste órgano. Poderán asistir ás sesións do Consello, con voz pero sen voto, aquelas persoas e/ou asociacións que sexan convidadas pola presidencia ou a requirimento do Consello.

Restablecemento do equilibrio económico do contrato de concesión do Centro Municipal de A Telleira
Outro dos puntos importantes do pleno inclúe aprobar ó prego de cláusulas administrativas e condicións técnicas que rexerán o concurso para o outorgamento da concesión da xestión e mantemento do complexo da piscina cuberta municipal de Ames. Logo de que a concesión fose adxudicada no ano 2006 á entidade Servio Cultura Deporte e Recreación S.L,  e tras varias prórrogas da concesión, a empresa que xestiona o Centro Deportivo Municipal A Telleira ten a concesión até o 9 de marzo de 2003. O 13 de marzo de 2020, ante a evolución da pandemia da Covid-19, suspendeuse temporalmente o servizo nestas instalacións. Logo, o Goberno do Estado declarou o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada pola Covid-19 e, con data do 17.03.2020, ditouse o Real decreto 8/2020 de medidas urxentes para facer fronte ao impacto económico e social da Covid-19 e, no seu artigo 34, reguláronse as medidas en materia de contratación pública.

Fronte a este acordo plenario a concesionaria presentou, con data do 30.04.2020, recurso de  reposición que foi desestimado polo pleno do Concello de Ames en sesión do 28.05.2020. Con data do 10.07.2020 a concesionaria solicita o restablecemento do equilibrio económico da concesión en base ao artigo 34.4 do Real decreto lei 8/2020 correspondente ao período de 14.03.2020 a 21.06.2020 acordando de forma principal unha indemnización ou, subsidiariamente, un aumento da concesión por prazo de 18 meses, como forma de restablecer o equilibrio da concesión, cuestión esta última pola que opta o goberno de Ames logo de avaliar os informes dos técnicos e a proposta da concelleira de deportes. Asemade, proponse conceder un trámite de audiencia de 10 días hábiles á concesionaria a efectos de exame e alegacións.

Outros asuntos
O pleno debaterá tamén a inclusión na 2ª Fase do Plan Provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia Municipal (Plan Único de Concellos) Adicional 2/2021 da Deputación de A Coruña, de varios investimentos entre eles un camiño de Barouta.

Tamén, e como consecuencia da solicitude de diversos veciños do lugar de Oca, na parroquia de Ames, resolverase o expediente de investigación patrimonial dun camiño sito nesta aldea.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "O tripartito quere crear un consello sectorial de nenos"

Revista AmesGO: "O pleno de Ames debaterá a creación dun Consello sectorial de nenas e nenos"

 

Casa do Concello