Pestanas principais

A Aula da Natureza programa para o sábado, 16 de outubro, unha saída ambienta ao Courel

Luns, 11 de outubro de 2021

A Devesa da Rogueira, xoia ecolóxica da Serra do Caurel, é o obxectivo da excursión ambiental que programa a Aula da Natureza para o sábado, 16 de outubro. Os autobuses sairán de Bertamiráns ás 8:30 horas e do Milladoiro ás 8:45. Os/as participantes deberán levar a comida da casa, ademais de calzado e roupa cómoda. A ruta é de dificultade media alta e dura 5 horas. Os interesados/as poden inscribirse no enderezo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal

A Devesa da Rogueira abrangue tres quilómetros cadrados de bosque primario e unha impresionante diversidade arbórea. A fauna non desmerece da flora. Os regatos que baixan formando fervenzas acollen especies endémicas do norte peninsular como o tritón ibérico e a ra patilonga. A Devesa acolle, entre outras especies, corzos, martas, donicelas e gatos de monte.

Un dos grandes atractivos desta paraxe natural é a ruta de sendeirismo que a Aula da Natureza propón aos veciños e veciñas de Ames para o vindeiro sábado, 16 de outubro. A ruta pasa por 3 quilómetros de bosque que albergan unha enorme diversidade natural.  Hai moitos paneis ao longo do camiño que amosan a bioloxía da Devesa. Neste traxecto atopamos vexetación mediterránea con multitude de plantas aromáticas. Tamén agroman as abeleiras, os carballos e os arandos. No centro desta paraxe hai unha fraga sombría onde se poden contemplar  freixos, haxas, teixos, acivros e bidueiros

Na parte alta de la devesa hai unha fonte con dous canos. Dun deles  brota auga limpa e do outro auga de cor vermella cun elevado grao de compoñentes de ferro. Esta paraxe natural sitúase nunha zona de terrazas glaciares. Abondan os ríos y algunha pequena lagoa glaciar como a de Lucenza. Cómpre salientar que os romanos furaron as entrañas desta serra para extraer ouro e durante a Idade Media multiplicáronse as ferrerías. A minería de chumbo, cobre, ferro e antimonio tivo tamén a súa importancia, pero hoxe en día so se mantén a explotación de lousas.

Unha ruta de dificultade media alta
Para o concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Lens: “A importancia destas saídas radica tanto no sentido lúdico e saudable da excursión, como na concienciación da necesidade de coidar o entorno natural á que debemos contribuír tamén desde as administracións máis próximas ao cidadán”. Lens insiste en que a ruta é de dificultade media alta: “Esta non é unha ruta para que a faga calquera, ten unha dificultade media alta e só deben apuntarse aquelas persoas  que estean acostumadas a facer este tipo de camiñadas”.

A excursión forma parte do proxecto de saídas ambientais que a concellaría de Medio Ambiente programa ao longo de todo o ano.

As persoas interesadas poden inscribirse no correo auladanatureza@concellodeames.gal

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Animan a descubrir todos os segredos do Courel"

Excursión á Devesa da Rigueira

Multimedia

  • cartaz