- Tematica
20 persoas participan no curso de poda que, organizado pola concellaría de Medio Ambiente, prolongarase até o 6 de novembro na Aula da Natureza de Bertamiráns. O curso, impartido por Alfonso Touceda Abelleira que é produtor de froita e profesional da agricultura e xardinería ecolóxica, ofrece clases teóricas e prácticas. Por outra banda, retomouse o curso de horta sostible que fora aprazado o pasado outono por mor da COVID19.
Na primeira clase do curso, Afonso Touceda, amosou a importancia da planificación á hora de abordar a poda nas plantacións de froiteiras. Falou tamén dos factores a ter en conta para asentar ben as plantas: os tipos de solo, a orientación das árbores e como facer para obter un mellor rendemento con menos esforzo e con abundancia ou escaseza de agua.
Ademais, o encargdo de impartir o obradoiro fixo especial fincapé en mostrar a importancia do patrón e o portaenxerto, que é a planta que recibe ao enxerto e aporta ao conxunto ás raíces, tendo gran importancia xa que serve de ancoraxe á árbore e é a responsable do maior ou menor vigor desta.
A primeira sesión do obradoiro de poda ofreceu ademais desa parte teórica a posibilidade de practicar nunha finca veciña , propiedade dun dos alumnos. O profesor ensinou ao alumnado do curso a facer enxertos de maceiras.
Curso de horta sostible
Tamén se retomou o curso de horta sostible que fora aprazado o pasado outono por mor da COVID´19. Nas sesións previas a súa suspensión pola pandemia, trataranse temas como a análise do solo, os bancais elevados con trenzado de ramas, acolchados e combinación de cultivos. Nesta ocasión repasáronse estes temas e comezouse o preparar bancas directamente sobre a terra. Estas bancas están encamiñadas a albergar cultivos de inverno, a maioría de brasicas (repolos, coliflor, coles de bruselas ou brocoli) nabos e leitugas.
O concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Lens, lembra que unha parte importante da poboación de Ames naceu e vive no rural, pero que hai outra parte que veu da cidade a vivir ao campo e afronta por primeira vez na vida os coidados dunha horta ou dun xardín: “Temos comprobado que este tipo de poboación ten moitas arelas de aprender a desenvolverse nese novo o medio que o agro para eles e elas e estes cursos son moi demandados e aproveitados neste senso; pero ademais para as persoas que viven no rural de sempre tamén agradecen reciclarse e aprender cousas novas”. “Esta mestizaxe de asistentes concl´ñue Lens é moi interesante porque uns aprenden tamén moito dos outros”.
O curso de poda desenvolvese na Aula da Natureza durante 4 sábados consecutivos e o de horta sostible rematará o último sábado de novembro. Ámbolos dous cursos forman parte da programación de obradoiros que a Aula da Natureza ofrece ao longo do ano.