Pestanas principais

Éxito da I Feira do Monte “Tanto Monte, Monte Tanto”

Martes, 26 de outubro de 2021

Mostras de cogomelos, colmeas e instrumentos de apicultura e de pequenos froitos e cereais que se poden cultivar no monte, presenza de artesáns da cestería e da madeira, degustacións de cogomelos, froitos do bosque e aceites constituíron a oferta de “Monte Tanto, Tanto Monte”, a I Feira do Monte que, organizada pola concellaría de Medio Ambiente, celebrouse na parroquia de Trasmonte o pasado sábado, 23 de outubro. A Feira, que naceu coa intención de valorizar e dar importancia á diversidade do monte e de amosar a gran variedade de produtos que obtemos del, recibiu ao longo de todo o día un gran número de visitantes.

A Feira “Tanto Monte, Monte Tanto” abriuse ás 11:30 da mañá. Desde primeira hora, moitas persoas achegáronse á exposición de cogomelos na que o experto na materia, Marcote, respondía ás preguntas que lle facían as persoas interesadas. Semellante interese suscitou o posto de apicultura na que se amosaban colmeas antigas e modernas e todo tipo de utensilios empregados neste oficio, e as exposicións de cestería e aveños elaborados con palla e madeira.

Moitas persoas degustaron tamén os froitos do bosque e o aceite con pan. Especial interese provocou o stand de Toxogel, un analxésico muscular elaborado a base de toxo e aloe vera.   

Ás 12:00 da mañá, o concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Lens, acompañado dunha ducia de persoas que visitaban á Feira, achegáronse ás instalacións de  Finesterre Bovine World,  donde foron recibidos por José Portas, socio de Discarlux , Aser Alvarez e “Caquelo” que lles explicaron con que razas están a traballar e en que fase se atopa o seu proxecto de gandería.

Moitas persoas achegáronse á Feira pola tarde. Todas elas tiveron a oportunidade de gozar das castañas asadas que ofrecía a organización e degustar os cogomelos preparados de distintos xeitos.

É de salientar que ao atoparse a aldea de Trasmonte no camiño de Fisterra, foron moitos os/as peregrinas que se achegaron á visitar os postos e a degustar as delicias gastronómicas que se ofrecían.

Manuel Lens, concelleiro de Medio Ambiente, maniféstase moi satisfeito co desenvolvemento da  Feira: "Estamos moi ledos pola acollida que tivo a I edición de “Tanto Monte Monte Tanto. Tal e como se desenvolveu estou seguro que vai contar con máis edicións”.  Para Lens, a feira amosou “o gran potencial que teñen os nosos montes”. O concelleiro quixo aproveitar para agradecer ao departamento o traballo: “Foi un traballo onde se implicou todo o departamento de Medio Ambiente e de Turismo, dende os técnicos até os membros da brigada".

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Prevén continuidad para la exitosa feria del monte"

AMSGO!: "A I Feira do Monte “Tanto Monte, Monte Tanto” foi un éxito"

I Feira "Tanto Monte, Monte Tanto"

Multimedia

  • I Feira "Tanto Monte, Monte Tanto"
  • I Feira "Tanto Monte, Monte Tanto"
  • I Feira "Tanto Monte, Monte Tanto"
  • I Feira "Tanto Monte, Monte Tanto"
  • I Feira "Tanto Monte, Monte Tanto"