Pestanas principais

Os “corazóns solidarios”do Concello de Ames recollen máis de dúas toneladas de tapóns dende a súa instalación en xuño

Sábado, 30 de outubro de 2021

Os “corazóns solidarios” recolleron ao menos uns 2160 quilos de tapóns de plástico da veciñanza de Ames, dende a súa instalación o pasado mes de xuño na Praza do Concello, en Bertamiráns, e no aparcadoiro da Casa da Cultura do Milladoiro. Uns 18 sacos de material reciclable foron xa doados a dúas asociacións: Ao proxecto ARTforDENT, da Asociación da Enfermidade de Dent (Asdent), e á Asociación Axuda a Burundi, que onte recolleu sete sacos de tapóns na antiga nave de obras xunto ao alcalde de Ames, Blas García. O dirixente local animou á veciñanza a seguir contribuíndo a unha labor social e medioambiental, e indica que dende o Goberno Local están “abertos a colaborar con todas aquelas asociacións que nolo pidan”.

Varios operarios amesáns recollen semanal ou bisemanalmente os tapóns dos dous colectores metálicos con forma de corazón, que foran instalados no mes de xuño na Praza do Concello, en Bertamiráns, e no aparcadoiro da Casa da Cultura do Milladoiro. A acollida da medida foi moi positiva entre a veciñanza, que coas súas doazóns ata o momento colaborou con dúas asociacións relevantes na contorna do municipio.

O proxecto ARTforDENT, da Asociación da Enfermidade de Dent (Asdent), foi o primeiro beneficiario desta iniciativa, ao recoller 11 sacos de tapóns, uns 1320 quilos, para axudar á investigación e a busca dunha cura para a enfermidade de Dent, unha doenza xenética rara da que foi recentemente diagnosticado Hugo, un rapaz de 6 anos veciño do concello de Brión.

Por outra banda, este luns 25 a Asociación Axuda a Burundi estivo na antiga nave de obras do concello xunto ao alcalde, Blas García, para recoller outros sete sacos, uns 840 quilos, acumulados ao longo do último mes e medio. Esta asociación, fundada en Ordes no ano 2014, mantén un orfanato de 80 nenos e nenas en Burundi e realiza proxectos de economía social no país africano.

O alcalde de Ames, Blas García, destacou a dobre contribución que realiza a veciñanza con estas doazóns: “Ademais de facer unha labor medioambiental importante, como é reciclar parte dese plástico que vén nos envases, a maiores realizamos unha gran labor social, colaborando con todas aquelas asociacións que nolo soliciten de maneira oficial”. Ademais, lembrou que dende o Goberno Local están “abertos a colaborar con todas aquelas asociacións que nolo pidan”.

Novas relacionadas

La Voz de Galicia: "Recogidas más de dos toneladas de tapones en Ames"

El Correo Gallego: "Os ‘corazóns solidarios’ recolleron en Ames máis de 2.100 kilos de tapóns"

Os “corazóns solidarios”do Concello de Ames recollen máis de dúas toneladas de tapóns dende a súa instalación en xuño

Multimedia

  • Os “corazóns solidarios”do Concello de Ames recollen máis de dúas toneladas de tapóns dende a súa instalación en xuño
  • Os “corazóns solidarios”do Concello de Ames recollen máis de dúas toneladas de tapóns dende a súa instalación en xuño
  • Os “corazóns solidarios”do Concello de Ames recollen máis de dúas toneladas de tapóns dende a súa instalación en xuño