Pestanas principais

A campaña solidaria “Zocos e Trasnos” volve cos seus agasallos a Ames por sexto ano consecutivo

Venres, 05 de novembro de 2021

“Zocos e Trasnos” volve na súa sexta edición consecutiva co fin de que toda a rapazada amesá teña agasallos no Nadal. A campaña ten como piar fundamental a participación da cativada, os “Zocos”, que escribirán as súas cartas aos Reis Magos pedindo un regalo concreto de maneira anónima. A veciñanza de Ames, a través da Oficina do Voluntariado do Concello de Ames, actuará como “Trasnos”, os encargados de ler as cartas e achegar os obsequios aos “puntos Trasnos”, que estarán localizados este ano nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. Uns 120 rapaces e rapazas benefícianse cada ano deste acto solidario.

As “Zocas” e “Zocos” de Nadal consisten de rapazada amesá dos 0 aos 12 anos de familias que están a pasar por dificultades económicas, derivadas do Departamento de Servizos Sociais. Sen trámites nin documentación adicional, as familias darán as cartas aos Reis Magos dos seus cativos e cativas á Oficina de Voluntariado de Ames, que serve de intermediario entre “Zocos” e “Trasnos”. Os agasallos non están restrinxidos a xoguetes: poden ser libros, roupa, calzado ou calquera cousa que ilusione ás nenas e nenos. A Oficina repartirá as cartas aos “Trasnos” e “Trasnas” por correo electrónico, WhatsApp ou en man, mantendo o anonimato da cativada a través dun código de identificación.

Agasallos anónimos, sen carácter bélico ou sexista

Os “Trasnos” e “Trasnas” deberán escoller un dos agasallos da carta que se lles asigna de forma anónima, cun prezo máximo de 30 euros, para despois envolvelo, engadir o código que identifica ao seu “Zoco” e depositalo nun dos “Puntos Trasnos”. As familias da rapazada recollerán os obsequios, para que todas as nenas e nenos gocen dos seus regalos no día de Reis. Cómpre sinalar que os agasallos non deben ter carácter bélico ou sexista.

Como facerse “Trasno”?

Calquera persoa pode ser “Trasna”, só se pide compromiso coa causa e cos “Zocos” e “Zocas”. Para rexistrarse e colaborar, pódese chamar aos números de teléfono 662 377 044 (Oficina do Voluntariado de Ames) ou no 683 327 378 (Departamento de Educación familiar), enviando unha mensaxe ao enderezo electrónico a  voluntariado@concellodeames.gal, ou ben de maneira presencial na Oficina do Voluntariado de Ames, situada na Casa da Cultura de Bertamiráns.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Zocos e Trasnos regresa para agasallar á rapazada"

AMSGO!: "Volve Zocos e Trasnos para que ningún neno quede sen agasallo este Nadal"

A campaña solidaria “Zocos e Trasnos” volve cos seus agasallos a Ames por sexto ano consecutivo

Multimedia

  • A campaña solidaria “Zocos e Trasnos” volve cos seus agasallos a Ames por sexto ano consecutivo