- Tematica
A pantasma do antigo morador e dunha vella criada do Pazo da Peregrina, un verme de luz de grandes dimensións, un espantallo e unha cabaza xigante foron algunhas das sorpresas coas que se atoparon os camiñantes ao longo do traxecto de oito quilómetros que a concellaría de Benestar e Promoción da Saúde preparou como roteiro co gallo da celebración do Samaín. A actividade, dirixida ás familias, foi teatralizada pola compañía “Os Quinquilláns” e contou coa participación dos músicos de Sarela que animaron aos/ás asistentes a cantar con eles cancións populares.
Noite fría e estrelada para unha noite de Samaín que fixo as delicias de grandes e pequenos/as. A cita era no Pazo da Peregrina. A organización requiría que os /as participantes levasen lanternas e, na medida do posible, fosen disfrazadas con motivos que recordasen a celebración do Samaín. Os/as participantes congregáronse ás 20:00 horas no Pazo da Peregrina onde, desde un dos seus balcóns, foron recibidos e despedidos pola pantasma do antigo morador. No parque do Rego dos Pasos apareceu de socate unha ánima en pena e un verme xigante.
Após desta aparición, as familias continuaron camiñando polo Paseo do Río até a senda de Sisalde onde os agardaban un espantallo e unha labrega que cos seus contos e as súas garatuxas fixeron as delicias dos máis pequenos e pequenas. Xa na encrucillada do banco da Pepa apareceu outra ánima e unha cabaza xigante que, a través de fábulas, enxalzaron o labor das xentes do campo e, xunto cun gaiteiro e un tamboril do grupo Sarela, animaron a todos e a todas a cantar cancións populares. No remate da andaina, no Pazo da Peregrina, agardaban a ánima da antiga criada e outra gran pantasma.
A actividade, que estaba prevista para o venres, 29 de outubro, houbo de adiarse até o venres seguinte por mor das condicións meteorolóxicas adversas dese día. O evento suscitou tanto interese que o departamento duplicou as prazas previstas en principio. Aínda así, máis de 100 persoas quedaron en lista de agarda.
“Buscamos un formato diferente que incluíse a temática do Samaín, que fose divertido e no que puidesen participar as familias; todo isto sen esquecer o espírito das nosas andainas que animan á veciñanza a facer actividade física, como parte da saúde emocional que sempre procuramos”, declarou a concelleira de Benestar e Igualdade, Luísa Feijóo.
Novas relacionadas
La Voz de Galicia: "Vecinos de Ames participan en la recuperación de las tradiciones del San Martiño y el Samaín"