Pestanas principais

Preséntase NIN SERVIL, NIN CALADA, LIBRE, o programa de actividades de conmemoración do 25N en Ames

Luns, 15 de novembro de 2021

“NIN SERVIL, NIN CALADA, LIBRE” é o lema co que o Concello de Ames afronta os actos de conmemoración do Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller 2021. As actividades alongaranse desde o 17 de novembro até o 4 de decembro e están organizadas polas Concellarías de Benestar e Igualdade, Cultura, Mocidade e Turismo. Cine, teatro, videoforum, unha “marcha contra o machismo” polo Monte Viso, un mural conmemorativo e as tradicionais xornadas “Acércate”, nas que este ano participará a escritora, debuxante e música, Lola Vendetta, constitúen o groso do programa. O Acto Institucional do Concello celebrarase o propio 25 de novembro ás 18:30 na praza do Concello e contará coas actuacións da EMMA e da Plataforma Feminista de Ames.

Un ano máis, o Concello de Ames organiza toda unha serie de actividades encamiñadas a poñer o foco de atención na necesidade de concienciar á cidadanía sobre a lacra social que constitúe a violencia machista. A novidade principal é que este ano a organización das actividades realizase de xeito transversal entre 4 concellarías: Benestar e Igualdade, Cultura, Mocidade e Turismo. Ao acto de presentación acudiron as concelleiras de Benestar e Igualdade, Luísa Feijóo, de Cultura, Natividade González, de Normalización Lingüística, Escarlatina Pampín, o concelleiro de Turismo, Manuel Lens, a psicóloga do CIM, Mónica Antelo, e a traballadora social, Soraya Añón.

A concelleira de Benestar e Igualdade, Luísa Feijóo gabou a ampla programación deste ano “que conta con quince actividades” e destacou o feito de que “é un programa transversal, porque a igualdade nos afecta a todos e se pode traballar dende todas as Concellarías”. Luísa agradeceu a colaboración dos seus compañeiros e compañeiras e desexou que o programa fose do gusto de todas e de todos, dado que “propoñemos actividades para o público xeral, para un público máis especializado e para rapaces e rapazas”.

“Xa viñamos facendo algo en Igualdade dende todas as Concellerías que hoxe estamos aquí, pero o feito de que poidamos xuntalas e  ter este programa tan axeitado e tan especial, creo que fai que Ames sexa un referente na loita contra a violencia de xénero” manifestou a concelleira de Cultura, Natividade González, quen desexou que a loita contra a violencia machista se alongase todo o ano: “Esperamos seguir facendo cousas coma estas todos os días do ano, para sermos mulleres máis libres”.
A concelleira de Mocidade, Escarlata Pampín, sumouse ao agradecemento á concelleira de Igualdade pola programación transversal “de maneira que todos e todas sumemos”, e resaltou que o 25 N trátase “dunha loita de persoas boas e xustas contra persoas que non o son, máis que de mulleres contra homes”.” Todas e todos debemos sumar a esta causa, e por suposto denunciar e axudar de xeito que poidamos erradicar esta lacra”, engadiu Pampín.

Na sua intervención, Manuel Lens, aproveitou para agradecer ao GDR – Terras de Compostela “a oportunidade de traer "A Pluma de Rosalía” a Ames” amosou a súa mágoa porque aínda se teña que conmemorar un día coma este: “non deberíamos ter esta lacra e esperemos que, pouco a pouco a igualdade sexa real en todos ámbitos”.
A técnica do CIM. Mónica Antelo, dixo que “como representante dos traballadores do Concello e do CIM, gustaríame animar a toda á veciñanza a que se acerque a estas actividades, que aparte de ser culturais son de sensibilidade para toda a poboación” Antelo suliñou ademais que “sobre todo é un intento porque haxa máis igualdade no noso concello”.

Programa de actividades
A primeira das actividades terá lugar o 17 de novembro ás 20:30 na Casa da Cultura de Bertamiráns e consistirá na proxección da película“Nación” de Margarita Ledo Andión. A película recolle a loita que as mulleres da fábrica de louza “Pontesa” levaron a cabo para acadar mellores dereitos laborais ao tempo que reflicte as condicións nas que traballaban as mulleres nunha época na que o habitual é que non puidesen dispor nin do seu propio soldo. Esta actividade está organizada pola concellaría de Cultura.

Os días 19 e 20 de decembro, a concellaría de Igualdade programa unha actividade  de Teatro Foro baseada na obra “¿Esto es amor?” da Compañía aragonesa Psiare. Trátase dunha experiencia de teatro interactivo na que o público participa para, neste caso, mudar conceptos e actitudes machistas.  Celebraranse catro sesións. As dúas primeiras, enfocadas ao alumnado dos institutos de Ames, terán lugar o día 19 de novembro ás 9:30 horas, no IES do Milladoiro e ás 12:00 horas no Salón de actos de Bertamiráns. As  sesións dirixidas a público adulto, desenvolveranse o día 19 de novembro, ás 20:30 na Casa da Cultura de Bertamiráns e o 20 de novembro, ás 20:30 na Casa de Cultura do Milladoiro.

O sábado 20 de novembro, organizada polo departamento de Promoción da Saúde da concellaría de Igualdade coa consigna “Ames marcha contra o machismo” realizarase unha andaina pola ruta mitolóxica do Monte Viso. As inscricións para esta actividade están abertas e quen desexe participar debe enviar un correo a promociondasaude@concellodeames.gal . O prazo de inscriciñon péchase o xoves 18 de novembro ás 14:00 horas. Os autobuses sairán ás 10:00 horas da Casa do Concello de Bertamiráns e ás 10:15 horas da Casa da Cultura do Milladoiro.  

 A obra de Teatro “Golpes” preséntase o 24 de novembro, ás 13:00 horas na Casa de Cultura de Bertamiráns.  Organiza a actividade a concellaría de Igualdade. A peza teatral está dirixida por Xosé Leis e denuncia dun xeito directo e cru a violencia machista. A actriz mariñana Estíbaliz Veiga súbese ao palco sen más artificio nin truco escénico que a súa voz e a súa interpretación para amosar o padecemento dunha muller vítima de violencia machista.

Entre os días 22 e 25 de novembro, e través da concellaría de Mocidade, o grafiteiro coruñés, gañador do 2 edicións do certame galego “Xuventude Crea”,  Brais R, pintará un mural baseado en temáticas relacionadas coa Igualdade no anfiteatro de Lapido.

O 24 de novembro, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns e a través da Concellaría de Cultura, proxectarase “Silenciadas”. Trátase dun documental histórico que recupera historias de vida de numerosas mulleres que estiveron na clandestinidade ou apoiaron desde o chairo o movemento guerrilleiro e que, por defendelo, foron duramente represaliadas. Coa cárcere, a tortura física e psicolóxica, o desterro, o exilio e mesmo a morte. Ao remate da proxección, o director e guionista Pablo Ces, e a guionista Aurora Marco, participarán nun encontro coas persoas asistentes.

O Acto Institucional do Concello celebrarase o propio 25 de novembro ás 18:30 na praza do Concello e contará coas actuacións da EMMA e da Plataforma Feminista de Ames.

Vídeo Forum 25N é o título co que se presenta a sesión de videoforum para adultos que organiza a Concellaría de Mocidade e que  terá lugar o sábado, 26, ás 19:00 horas na Casa da Cultura de Milladoiro.

A concellaría de Turismo organiza para o 27 de novembro ás 20:30 na Casa de Cultura de Milladoiro, a sesión de Teatro “A pluma de Rosalía”. A representación corre a cargo da Compañía “Os Quinquilláns” e aborda o acto violento que tivo lugar no ano 1064 na imprenta Soto e Freire de Lugo nas vésperas do día no que ían publicarse catro textos brillantes, satíricos e retranqueiros de Rosalía de Castro.

Tamén, a través do formato de videoforum, a Concellaría de Igualdade organiza unha nova sesión de cine e debate que titula “En débeda con todas”. Desenvolverase o 3 de decembro, ás 20:00 horas no pazo da Peregrina.

Os actos de conmemoración do 25N en Ames rematarán coas xa tradicionais xornadas “Acércate” que terán lugar na Casa da Cultura de Bertamiráns, o 4 de decembro entre as 10:00 e as 12:00 horas e desde as 16:00 até ás 18:00 horas do mesmo día. As xornadas contarán este ano coa presenza da debuxante, escritora e música, Lola Vendetta.

Novas relacionadas

La Voz de Galicia: "Jornadas de debate y actos culturales, oferta de Ames y Teo para el 25N"

El Correo Gallego: "Teatro, cine e andaina para plantar cara ao machismo"

AMSGO!: "‘NIN SERVIL, NIN CALADA, LIBRE’, lema de Ames para o 25N"

Lindeiros: "Nin Servil, Nin Calada, Libre, lema para o 25N en Ames"

Preséntase NIN SERVIL, NIN CALADA, LIBRE, o programa de actividades de conmemoración do 25N en Ames

Multimedia

  • Preséntase NIN SERVIL, NIN CALADA, LIBRE, o programa de actividades de conmemoración do 25N en Ames
  • Preséntase NIN SERVIL, NIN CALADA, LIBRE, o programa de actividades de conmemoración do 25N en Ames