Pestanas principais

O Pleno do Concello de Ames aproba un suplemento de crédito de 1.415.360€ para facer fronte a gastos extraordinarios motivados pola pandemia e axudas para a reactivación económica

Mércores, 17 de novembro de 2021

Este martes, 16 de novembro, celebrouse un Pleno extraordinario para aprobar un suplemento de crédito de 1.451.360 euros. A Corporación Municipal de Ames deu luz verde e este suplemento de crédito para gastos xerais co voto favorable do Goberno e do Grupo Popular. O outro punto incluído nesta sesión plenaria extraordinaria tamén acadou o voto favorable da maioría da cámara. Este punto correspóndese coa aprobación dun recoñecemento extraxudicial de crédito por importe de 146.925 euros para a aprobación de facturas correspondentes ao exercicio 2020 que non dispoñían de crédito.

O pleno extraordinario que se celebrou onte resolveuse en media hora e sen apenas debate. A sesión tiña como punto principal a aprobación dun suplemento para dotar do crédito necesario varias aplicacións do orzamento en vigor. Estas modificacións orzamentarias ascenden a 1.451.360 euros e vanse financiar principalmente con cargo ao remanente de tesourería.

José Ramón Oulego, de Ciudadanos, aproveitou a súa quenda de palabra para anunciar a súa abstención ao entender que os suplementos de crédito teñen que cumprir unha serie de requisitos “os suplementos empréganse para gastos necesarios e inaprazables e aquí hai gastos que cumpren estas características e outros que non”. E engadiu “a adquisición dun inmoble para oficinas municipais é un gasto necesario pero non neste momento. Dende Ciudadanos entendemos que isto denota a falta de planificación deste Goberno”.

A argumentación de Quique Costas, de Ames Novo, seguiu a mesma liña ao defender “non todo o que se presenta neste suplemento se corresponde con algo ineludible. Para nós este suplemento denota pouco realismo á hora de facer o orzamento”. E proseguiu “eu defendo que se necesitan oficinas municipais pero esa necesidade non apareceu de golpe, é algo que tiña que estar planificado”.

Pola súa banda, Oliva Agra, voceira do Grupo Popular aproveitou a súa quenda de palabra para anunciar o voto favorable de Partido Popular.

Segundo a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero a meirande parte dos gastos veñen motivados pola COVID e por cuestións que non se podían prever “atopámonos nun ano excepcional, ano 2021, que ao igual que no 2020 veu marcado pola pandemia, e no que houbo que seguir adoptando medidas de reforzo de limpeza de instalacións, e un forte incremento da contratación de monitoraxe dos servizos de conciliación para cumprir co protocolo establecido e os grupos burbulla. Isto unido á suba da luz dispararon o gasto neste exercicio”. E engadiu “o crédito recollido neste suplemento tamén vai dar continuidade ás políticas de reactivación económica en Ames cunha nova campaña de Bonos Comercio”.

O suplemento de crédito aprobouse co voto favorable do Goberno e do Partido Popular e coa abstención do Grupo Mixto. O Concello de Ames liquidou o exercicio 2020 cun remanente de tesourería para gastos xerais de 8.363.940 € e con cargo a dito remanente aprobáronse varios suplementos de crédito, entre eles o suplemento que financia o Plan Ames Progresa 2021-2023 cun importe de 4.647.242,48€ que inclúe investimentos, axudas e actuacións encamiñadas á recuperación e reactivación económica do Concello de Ames. O remanente de tesourería dispoñible tras a tramitación deste suplemento de crédito ascende a 1.041.438 euros.
Aplicacións a financiar co suplemento de crédito

No capítulo de gastos de investimentos a necesidade de crédito ascende a 377.626 euros. A meirande parte dela responde ao mantemento de infraestruturas e servizos. Nesta partida inclúese a adquisición por 200.000 dun local para oficinas municipais.

A necesidade de financiamento do capítulo de gastos correntes é de 976.184 euros. Neste capítulo destaca o forte incremento dos gastos na partida de monitoraxe de comedores escolares e demais servizos de conciliación que ascende a 415.335 euros, o incremento de gastos derivados de limpezas extraordinarias e produtos de limpeza, subministración eléctrica ou mantemento de instalacións.

No tocante aos gastos de transferencias correntes a necesidade de financiamento ascende a 97.550 euros. O suplemento está destinado a sufragar unha nova convocatoria de axudas “Bonos Comercios” dotada con 70.000 euros. A este capítulo de gastos, tamén, hai que engadir os 17.550 euros necesarios para proceder ao pagamento da 2ª liquidación da Galiña Azul de Bertamiráns e do Milladoiro.

Recoñecemento extraxudicial de crédito
A Corporación Municipal, tamén, aprobou co voto favorable do Goberno, do Grupo Popular e de Ames Novo un recoñecemento extraxudicial de crédito por importe de 146.925 euros. Este recoñecemento inclúe aquelas facturas correspondentes ao exercicio 2020 que non dispoñían de crédito, entre as que encontramos unha factura de 123.607 euros do servizo de monitoraxe de comedores escolares do mes de decembro de 2020.

A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, pechou a quenda de intervencións recoñecendo que non foi sinxelo sacar adiante uns orzamentos marcados pola COVID “os orzamentos estaban axustados á realidade pero neste exercicio a COVID veu para mudalo todo. É moi complicado facer as contas cunha pandemia e coa incerteza que leva consigo”.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "O tripartito e PP, a favor do suplemento de crédito"

pleno extraordinario

Multimedia

  • pleno extraordinario
  • pleno extraordinario
  • pleno extraordinario