Pestanas principais

Os V Premios Youtubeiras darán a coñecer mañá en Bertamiráns o palmarés deste 2021 nunha gala presentada por Tanxugueiras

Xoves, 25 de novembro de 2021

Youtubeiras é unha iniciativa organizada polos servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, Ames, O Grove, Moaña, Negreira, Pontevedra, Ribadeo, Rianxo, Santiago de Compostela e Teo, das universidades da Coruña, Santiago e Vigo e da Deputación da Coruña. Olaxonmario e Neeumatiko aspiran a facerse cos premios en cinco categorías, Cousxs opta a catro galardóns e O Son das Ideas compite por tres.

Os Premios Youtubeiras, organizados polos servizos de normalización lingüística de dez concellos, das tres universidades e da Deputación da Coruña, darán a coñecer mañá as gañadoras e gañadores da súa quinta edición. Tras a paréntese do ano pasado, os galardóns recuperan neste 2021 a entrega presencial cunha gala que se celebrará na casa da cultura de Bertamiráns (Ames) ás 20.00 h e que estará conducida polo grupo Tanxugueiras. Un total de 35 propostas finalistas aspiran a estes galardóns que reparten 7.500 euros entre as persoas gañadoras das doce categorías. Os premios de canle, youtubeira/o e vídeo contan cunha dotación económica que ascende aos 1.000 euros, mentres que a do resto (calidade lingüística, impacto, calidade técnica, comunicación, creatividade, didáctico e pioneiro) é de 500 euros. Esa mesma cifra recibirá quen leve o Premio do Público, que se escolle a través dunha votación na Rede.

As deliberacións do xurado, constituído por Fernando Ramallo, Adrián Lede, Noemí García, Sonia Méndez e Esther Estévez, determinaron que Olaxonmario, Neeumátiko e Cousxs sexan finalistas para o Premio Youtubeira/o 2021. Os dous primeiros ademais aspiran, xunto a O Son das Ideas, a facerse co galardón á canle. Na categoría de vídeo, os finalistas son: Por que non entendo o portugués? Co @Portuguese with Leo, vídeo de Olaxonmario; A nova bomba de Tanxugueiras, vídeo de Cousxs, e Educación Franquista, vídeo de Pradorua. Olanxonmario aspira en total a facerse cos premios en cinco categorías (canle, youtubeiro/a, vídeo, impacto e creatividade). A cinco galardóns opta Neeumatiko (canle, youtubeiro/a, calidade lingüística, impacto e didáctico) e tamén Cousxs (youtubeiro/a, vídeo, calidade lingüística e premio musical). O Son das Ideas pelexa por tres premios (canle, técnica e creatividade).

Na gala estarán representadas a práctica totalidade das institucións organizadoras dos Premios Youtubeiras, iniciativa que lle dá visibilidade ao uso do galego no  Youtube ao tempo que fomenta a creatividade e xera referentes na nosa lingua dun axente con gran repercusión social no mundo dixital como son os/as youtubeiros/as. Así, á entrega de galardóns asistirán o alcalde de Ames, Blas García; do Grove, José Antonio Cacabelos Rico; o alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis Míguez; a deputada de Igualdade e Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, María Muíño, ou a concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística de Ames, Escarlata Pampín.

Por parte do Concello de Santiago, está previsto que acudan Rubén Prol, concelleiro de Políticas Lingüísticas, e Mercedes Rosón, concelleira de Acción Cultural, e  dende o de Pontevedra, Alberto Oubiña, concelleiro de Normalización Lingüística. Ribadeo estará representado pola súa concelleira de Cultura e Consumo, Pilar Otero Cabarcos, mentres que dende Teo asistirá María López Álvarez, concelleira de Igualdade, Cultura e Educación.

A concelleira de Política Social, Emprego, Educación, Cultura e de Deportes, Mónica González Blanco, representará A Baña, mentres que de Negreira estarán a concelleira de Servizos Sociais, Muller e Igualdade, Mar García Vidal, e a concelleira de Educación e Sanidade, Teresa Douro Leis. Ames contará tamén co seu concelleiro de Transición Ecolóxica e Medio Rural, Manuel Lens, e por parte de Moaña asistirá o seu concelleiro de Normalización Lingüística, Aldán Santamarina.

Relación de finalistas por categorías

1. Premio Canle

2. Premio Youtubeira

3. Premio Vídeo

4. Premio Calidade lingüística

5. Premio Impacto

6. Premio Calidade técnica

7. Premio Comunicación

8. Premio Creatividade

9. Premio Musical

10. Premio didáctico

11. Premio Pioneiro

12. Premio do público

Novas relacionadas

La Voz de Galicia: "Fin do certame Youtubeiras coa entrega de premios"

El Correo Gallego: "Os mellores youtubeiros levarán premio en Bertamiráns"

Os V Premios Youtubeiras darán a coñecer mañá en Bertamiráns o palmarés deste 2021 nunha gala presentada por Tanxugueiras

Multimedia

  • Os V Premios Youtubeiras darán a coñecer mañá en Bertamiráns o palmarés deste 2021 nunha gala presentada por Tanxugueiras
  • Os V Premios Youtubeiras darán a coñecer mañá en Bertamiráns o palmarés deste 2021 nunha gala presentada por Tanxugueiras